Jorquera, orgulloso de participar na protesta pacífica para evitar deixar a unha anciá na rúa

Jorquera, orgulloso de participar na protesta pacífica para evitar deixar a unha anciá na rúa

A Coruña, 17 de Xullo 2014.- O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, manifestou sentirse “orgullo por ter participado como un cidadán máis na protesta pacífica para evitar a inxustiza de deixar na rúa a unha anciá e para defender un dereito fundamental como é o dereito a vivenda e a unha vida digna”.

Jorquera facía estas declaracións momentos antes de entrar no xulgados da Coruña á vista de trámite de probas derivada do recurso contencioso administrativo presentado contra as multas impostas pola Delegación do Goberno a varios dos participantes nese acto contra o desaloxo da anciá Aurelia Rey da vivenda que ocupaba.

O portavoz parlamentario tamén amosou a súa valoración “pola resposta das persoas que protestaron contra esa inxustiza, o que permitiu unha solución negociada que evitou o desafiuzamento da señora Aurelia”, e criticou a “criminalización da protesta” por parte do Executivo do PP, tanto en Galiza como desde Madrid.

“A propia Amnistía Internacional advirte da criminalización que está a facer o Estado español das protestas sociais contra as políticas do Goberno do PP”, subliña Jorquera, tanto coas actuacións policiais, “moitas veces desmedidas”, como a través da “persecución dos colectivos organizados que protestan a través de multas e sancións”, como tamén a través dunha lexislación “regresiva” como a denominada Lei mordaza, “auténtico atentado contra dereitos fundamentais”.

Pese a esta estratexia do PP, Jorquera amosouse convencido de que a cidadanía “non se deixará amedrentar sobre todo cando se trata de loitar contra inxustizas como o intento de desafiuzamento de Aurelia Rey”, concluíu.

Jorquera, orgulloso de participar na protesta pacífica para evitar deixar a unha anciá na rúa