Jorquera: "A fábrica de armas ten tecnoloxía punta para operar no eido civil"

Jorquera: "A fábrica de armas ten tecnoloxía punta para operar no eido civil"

A Coruña, 7 de abril de 2013.- O portavoz do BNG no Parlamento de Galiza, Francisco Jorquera, participou esta mañá na manifestación en defensa dos postos de traballo da fábrica de armas. Acompañado do responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, das concelleiras da Coruña, María Xosé Bravo e Avia Veira, e da tenente de alcalde en Culleredo, Raquel Jabares, entre outros membros do BNG, Jorquera sinalou que “nin Galiza nin a comarca da Coruña poden permitirse o peche doutra empresa, porque imos camiño de nos converter nun auténtico deserto industrial”.

En declaracións aos medios no inicio da mobilización, o portavoz do BNG Parlamento de Galiza, que chamou a defender os perto de 200 postos de emprego que corren perigo, lembrou que cando General Dynamics comprou a empresa pública Santa Bárbara aceptou unhas condicións que está a incumprir. Por iso, apuntou que nin a Xunta de Galiza nin o Ministerio de Defensa e Industria, os principais acredores e financiadores da multinacional, poden mirar para outro lado. “A Xunta de Galiza e o Goberno central teñen que presionar a empresa para cumprir o prometido, entre outras cuestións, o mantemento dos postos de traballo”, salientou.

Jorquera puxo de manifesto que “a Xunta de Galiza ten que impulsar a diversificación da produción, porque a fábrica de armas da Coruña conta con tecnoloxía punta para operar noutros campos que non sexa a produción de armas”. Engadiu que os traballadores contan con gran formación en I+D+i, unha formación adquirida, en moitas ocasións, a través de axudas públicas. Así, apostou por que a Xunta de Galiza dea un paso adiante e se involucre no impulso dun plan industrial que fomente a diversificación e asegure os postos de traballo.

Jorquera visita as activistas de Velaluz, acampadas no Campo de Marte

Tamén na mañá de hoxe, o portavoz parlamentar do BNG visitou as activistas da asociación contra a violencia de xénero Velaluz, que están acampadas desde o pasado xoves no Campo de Marte en protesta contra o sistema patriarcal e contra o terrorismo machista.

Jorquera amosoulles o apoio do BNG e apostou por que a Xunta de Galiza incremente as dotacións orzamentarias para a loita contra a violencia de xénero. Amosouse moi crítico o nacionalista coa decisión do Goberno de Feijóo de recortar nun 25% o salario da liberdade, axuda que reciben vítimas de malos tratos para contribuír á súa autonomía.

Jorquera: "A fábrica de armas ten tecnoloxía punta para operar no eido civil"