Jorquera chama a apostar por que Galiza poida controlar os seus propios recursos

Jorquera chama a apostar por que Galiza poida controlar os seus propios recursos

A Coruña, 1 de maio de 2013.- O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, sinalou esta mañá en declaracións aos medios, á saída da manifestación convocada pola CIG no 1 de maio, Día da Clase Traballadora, que “hai máis motivos que nunca para saírmos á rúa”. “Por unha banda, o Sr. Rajoy pídenos paciencia, cando todos os datos indican que as súas políticas, as políticas do Partido Popular, dirixen a unha auténtica hecatombe económica e ao empobrecemento da maioría do pobo”, sinalou. “E, e pola outra banda, o Sr. Feijóo presume de bo xestor cando en Galiza asistimos ao desmantelamento da base económica do tecido produtivo do país”, engadiu. Así, alertou da situación de emerxencia nacional en que se atopa Galiza, xa que o Partido Popular está a destruír a base económica do país. Para facerlle fronte a esta situación, Jorquera chamou a apostar por que Galiza poida controlar os seus propios recursos para poder poñelos ao servizo da sociedade galega e para que o país se poña a producir.

“Na comarca da Coruña temos un bo exemplo das políticas nefastas do PP: o desmantelamento do tecido industrial”, apuntou. Fixo alusión aos despedimentos en Santa Bárbara, Caramelo, Darty e a ameaza de Atento. Fronte esta situación, cualificou de imprescindíbel que sociedade a “reaxa e se mobilice para demandar un cambio radical de rumbo”. Apelou ao impulso de políticas públicas que sitúen como primeira prioridade a xeración de emprego e a loita contra o primeiro problema social, que é o paro.

Acompañaron a Jorquera na manifestación da CIG o responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, todos os portavoces do BNG nos concellos da comarca, entre eles o da Coruña, Xosé Manuel Carril, os concelleiros, os responsábeis locais e unha nutrida representación de militantes nacionalistas.

Jorquera chama a apostar por que Galiza poida controlar os seus propios recursos