Implicación, compromiso e corresponsabilidade: as claves das propostas do BNG sobre a Universidade

Implicación, compromiso e corresponsabilidade: as claves das propostas do BNG sobre a Universidade

REITORA Coruña, 19 de marzo de 2015- A caravana de #TodasAsCoruñas fixo unha parada simbólica no reitorado da Universidade da Coruña, onde o candidato do BNG-Asembleas Abertas e profesor da Universidade da Coruña, Xosé Manuel Carril, mantivo un encontro co reitor da UDC, Xosé Luís Armesto, para lle presentar as propostas relativas ao ámbito universitario que incluirá a formación nacionalista no programa electoral. Das propostas, todas elas enfocadas desde a perspectiva da implicación, do compromiso e da corresponsabilidade, o cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas salientou cinco, entre as que as que se atopa a necesidade de que a UDC conte cunha residencia universitaria pública.

En declaracións aos medios, Carril subliñou como proposta principal a residencia universitaria pública, da que dixo, “é unha necesidade non só desde o punto de vista da universidade, senón tamén do concello, pois xeraría moitos postos de traballo, erixíndose como un sector estratéxico da propia cidade e sería un polo de atracción para moi diversas actividades, incrementando o número de estudantes”. Puxo como exemplo o caso de Ferrol, cidade gobernada polo Partido Popular, onde o concello lle cedeu á UDC instalacións para que os estudantes do Campus de Ferrol conten con residencia universitaria pública, de modo que “poidan estudar vivindo en Ferrol pagando prezos asequíbeis”, apuntou o nacionalista, que subliñou a importancia de que se garanta “unha infraestrutura para estudar con independencia da capacidade económica das persoas”.

Residencia universitaria pública

O candidato do BNG-Asembleas Abertas e portavoz do Grupo Municipal do BNG sinalou que no caso da Coruña sería posíbel seguir os pasos de Ferrol xa que existen edificios públicos, ben da Deputación ben do Concello, que poden ser destinados a residencia pública universitaria. Así, explicou que existen moitos edificios concesionados propiedade do Concello cuxas concesións están próximas ao remate e que poderían utilizarse para instalar a residencia pública universitaria, como é o caso do hotel NH Atlántico. Ademais, Carril advertiu de que, precisamente, pola falta de residencia pública universitaria, a UDC paga ao ano 230.000 euros, uns cartos que se poderían aforrar para promover e defender o ensino público.

Viarios do campus, por conta do Concello

O cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas tamén propuxo o mantemento, de maneira permanente, dos viarios do Campus de Elviña por parte do Concello da Coruña na medida en que son viarios que emprega toda a veciñanza. Polo tanto, sinalou, o seu custo non ten por que ser asumido pola Universidade e os cartos poderían destinarse a outras cuestións.

Billete universitario de bus

Outra das propostas anunciadas por Carril diante dos medios de comunicación ten a ver co transporte público municipal, polo que a UDC paga, cada ano, máis de 150.000 euros co fin de financiar o billete universitario. “O normal é que eses cartos fosen asumidos polo Concello ou mesmo que se revisase a concesión da Compañía de Tranvías, co fin de que a empresa non obtivese beneficios por conta das axudas públicas que recibe ben do Concello ben da Universidade”. Cos 150.000 euros que aforraría a UDC poderíanse financiar bolsas, a mobilidade internacional de profesorado, persoal de administración e servizos ou estudantado ou para que o estudantado que carece de capacidade económica puidese pagar a súa propia matrícula.

Comunicación por ferrocarril

Ademais, Carril propuxo garantir a comunicación dos campus da UdC coa comarca e coa área metropolitana en clave de rendibilidade social, isto é, facilitarlle o ensino superior aos estudantes na comarca a través do transporte. Lembrou que os campus están provistos de infraestruturas ferroviarias e, polo tanto, a través dun tren de proximidade, poderíase facilitar o desprazamento de estudantes dun sitio a outro. Sinalou que os servizos ferroviarios que se prestan a día de hoxe supoñen un obstáculo para estudar dadas as deficiencias que presentan.

Axudas para mobilidade internacional

Ademais, Carril anunciou que o BNG-Asembleas Abertas recollerá no programa unha liña de axudas do Concello para fomentar a mobilidade internacional do persoal docente investigador, dos PAS e do estudantado. “Neste momento, xógase moito a nivel internacional, na propia universidade hai continuamente intercambios a nivel internacional, e esta mobilidade internacional sería unha maneira importante de promover a cidade a través da UDC”, expuxo.

Implicación, compromiso e corresponsabilidade: as claves das propostas do BNG sobre a Universidade