O Grupo Municipal do BNG interésase pola reconstrución do muíño de Agramela

Muíño de Agramela no cruce coa rúa Alcalde Lens no ano 1983
O Grupo Municipal do BNG interésase pola reconstrución do muíño de Agramela

A Coruña, 4 de febreiro de 2016.- O Grupo Municipal do BNG presentou por rexistro varias preguntas interesándose polos prazos de reconstrución do muíño de Agramela. E é que o Goberno municipal, nun acto celebrado nos locais da asociación veciñal da Agra do Orzán o pasado día 21 de xaneiro, informou que os restos que quedan desta edificación están gardados nun almacén no parque de Bens.

As nacionalistas lembran que no anterior mandato xa realizaran varías preguntas a respecto da desaparición dos restos do muíño de vento e que fora abandonado durante case 30 anos na entrada con acceso desde a rolda de Nelle ao parque de Santa Margarida. Naquel momento o Bloque inquiría ao Goberno do PP pola localización das pedras e se había intención de reconstruílo. Con data 15 de novembro de 2013 respondeuse por escrito que os restos do muíño puxéronse baixo custodia municipal “coa idea de inventariar as pezas e de ser posíbel reconstruílo nunha zona aínda por determinar”, mais nunca se indicou en que lugar se efectuaba esa custodia e, como podemos constatar a día de hoxe, despois de máis de dous anos, a reconstrución aínda non se realizou.

O BNG traslada ao próximo pleno varias preguntas nas que se interesa polos prazos para a reconstrución da edificación, o emprazamento final desta e pola divulgación da importancia histórica que tiveron este tipo de construcións na Agra do Orzán

Segundo se informou na reunión coa veciñanza, na segunda semana de xaneiro, técnicos do Concello tiveron acceso a documentación e a fotografías relativas á situación actual das pedras e que aparentemente forman parte da torreta central. As mesmas persoas que daban a coñecer a actual ubicación das pedras do muíño tamén deron conta de que se vai realizar unha identificación das pezas conservadas, que se ten que analizar que “era o muíño de Agramela”, se o conservado, un fuste central ou, se había máis elementos como unha caseta exterior, e que se van realizar os planos correspondentes para realizar a reconstrución e, por último, abriuse o debate sobre a súa reubicación no barrio.

Muíño de Agramela no cruce coa rúa Alcalde Lens no ano 1983

É por iso que, e despois de facerse pública esta nova información, toda relativa a unha vella demanda da veciñanza da Agra do Orzán, o Grupo Municipal do BNG pregúntalle ao Goberno municipal que prazos se dá para rematar todos os estudos que indicou se están facendo para proceder a realizar a ansiada reconstrución do muíño de Agramela.

Do mesmo xeito, tamén o BNG interésase por saber con quen se vai a falar da reubicación do muíño de Agramela xa que logo existe desde hai anos a proposta concreta da veciñanza da Agra do Orzán de reconstruír o muíño no Campo da Burra, polo que as nacionalistas pretenden que aclaren se pensan que existen outras ubicacións posíbeis, ademais da proposta da veciñanza.

Por último, o Bloque conclúe a batería de preguntas querendo saber se o Goberno municipal é coñecedor de que existe extensa documentación e bibliografía relacionada coa importancia e incidencia histórica dos muíños na zona da Agra do Orzán e se ten pensado o aproveitar a reconstrución deste edificio singular para proceder a dar cumprida divulgación entre a veciñanza deste importante aspecto da historia deste barrio e da nosa cidade.

Preme aquí para ver o texto da iniciativa

O Grupo Municipal do BNG interésase pola reconstrución do muíño de Agramela