O Goberno municipal ponse do lado da banca para darlle saída ao seu parque inmobiliario

O Goberno municipal ponse do lado da banca para darlle saída ao seu parque inmobiliario

A Coruña, 23 de febreiro de 2013.- O Goberno municipal do Partido Popular ponse do lado das entidades bancarias para lle dar saída ao seu parque inmobiliario por conta das persoas desafiuzadas polas propias entidades bancarias. Así o evidencia a adhesión do Concello da Coruña ao convenio impulsado pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), asinado por Ana Pastor, ministra de Fomento, Luis De Guindos, ministro de Economía, Ana Mato, ministra de Servizos Sociais, por 32 entidades bancarias (entre as que se atopan Bankia, o BBVA, o Banco de Santander ou Novagaliciabanco) e por agrupacións do ámbito destas entidades, para a creación de fondos sociais de vivendas, adhesión que foi aprobada esta mañá en Xunta de Goberno Local.

O Grupo Municipal do BNG sinala que este convenio supón un negocio redondo para a banca: a propia entidade que te bota da túa casa queda coa túa vivenda e pon á túa disposición outro dos seus inmobles en réxime de alugueiro.

As nacionalistas poñen de manifesto que o BBVA, o Banco de Santander, Bankia, Novagaliciabanco ou Banco Sabadell, entre outros, poden estar realmente contentos co Partido Popular. E é que co convenio ao que se acaba de adherir o Concello da Coruña as entidades bancarias causantes da burbulla inmobiliaria e da crise económica van poder darlle saída ao seu parque inmobiliario baleiro por conta das persoas desafiuzadas por esas mesmas entidades bancarias. O Grupo Municipal do BNG alerta de que as entidades xa non só botan as persoas da súa casa, quedándose co seu piso que deben seguir pagando, senón que teñen o descaro de ofrecer un alugueiro. As persoas desafiuzadas terán que pagar unha renda de arrendamento de entre un mínimo de 150 euros a un máximo de 400 euros.

Coa adhesión a este convenio perverso, o Sr. Negreira, en vez de defender as persoas desafiuzadas, se pon a disposición dos bancos

Mediante un convenio perverso, o Goberno do Sr. Negreira, en vez de responder a un gravísimo problema social que lle afecta ás familias traballadoras, pensionistas e desempregadas ponse á disposición dos bancos para resolver os problemas destes.

As nacionalistas chaman a atención sobre a primeira das condicións que estabelece o convenio, un requirimento que xa manifesta a vileza deste acordo: que o desaloxo se producira como consecuencia dunha demanda de execución, por impago de un empréstito hipotecario, iniciada pola mesma entidade de crédito que constitúe o fondo social de vivendas.

O Grupo Municipal do BNG denuncia que este convenio perpetúa o réxime xurídico actual, de modo que as entidades bancarias seguirán botando a xente da súa casa sen ningún tipo de garantía para permanecer dela e sen cancelar a débeda hipotecaria coa dación en pago. As nacionalistas poñen de manifesto que coa adhesión a este convenio, o Partido Popular trata de desviar a atención sobre o problema de fondo e sobre a necesidade de modificar a normativa actual.

O Goberno municipal ponse do lado da banca para darlle saída ao seu parque inmobiliario