O Goberno municipal nin sequera cumpre o seu suposto plan de mobilidade

O Goberno municipal nin sequera cumpre o seu suposto plan de mobilidade

A Coruña, 20 de xuño de 2014.- O Grupo Municipal do BNG sinala que nin o propio Goberno Municipal cumpre o seu suposto Plan de Mobilidade xa que dúas das tres rúas onde pensa implantar a vía prioritaria vixilada non se contemplan no plan presentado en febreiro deste ano.

E é que o PMUS, que nestes días está sendo difundido polos barrios a través dunha campaña que remata hoxe e que ten un custe de 20.812 euros, sinala no seu informe de obxectivos e propostas de actuación, dentro das actuacións do plan de fomento do transporte público, a ampliación da REDe (rede urbana eficiente) coa súa conseguinte implantación da Vía Prioritaria Vixilada (VPV) e cun horizonte de desenvolvemento da medida de medio-longo prazo.

Pois ben, o Plan sinala a instalación da VPV unicamente naquelas vías distribuidoras que se crea que a súa instalación vai supor unha notábel melloría para os usuarios e a seguir enumera as seguintes rúas: Rolda de Outeiro; Rolda de Nelle –rúa Gregorio Hernández-paseo Rolda; avda. de Arteixo; Manuel Murguía; Juan Flórez; e avda. Gran Canaria. Ademais, a descrición da proposta, tamén sinala o poder considerar outras vías en función do evoluír do plan, como por exemplo Ramón y Cajal.

Entrementres o Goberno Municipal saca a licitación, por 1,05 millóns de euros, dun novo contrato para desenvolver un estudo e a posta en marcha dun plan para modificar a circulación en Pescaría e no Ensanche, no que se contempla a posta en marcha da Vía Prioritaria Vixilada en tres rúas (Juan Flórez, Médico Rodríguez e Fernando Macías), as cales dúas delas (Médico Rodríguez e Fernando Macías) nin se nomean no Plan de Mobilidade Urbana.

O Goberno municipal nin sequera cumpre o seu suposto plan de mobilidade