O Goberno do Sr. Negreira non construíu ningunha nova escola infantil municipal en tres anos e medio

O Goberno do Sr. Negreira non construíu ningunha nova escola infantil municipal en tres anos e medio

A Coruña, 24 novembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia que, despois de tres anos e medio, o Goberno local non construíu nin unha soa escola infantil, pois a escola que o alcalde visitou hoxe era un proxecto do Urbana C comprometido desde antes de que o Sr. Negreira entrase a gobernar en María Pita. Ademais, lembra o Bloque que, nada máis acceder ao goberno, o PP botou abaixon a escola municipal infantil de Pedralonga, que mesmo contaba cun orzamento inicial de 500.000 euros consignado.

Neste contexto e malia crecente demanda, o número de prazas das escolas infantís municipais (640 prazas) non variou desde que entrou a gobernar o Sr. Negreira. Para agrandar esta cifra, o Goberno local teima en contabilizar como municipais as prazas da escola infantil Carmen Cervigón, unha escola que non é municipal, xa que é propiedade de Padre Rubinos. Os propios orzamentos municipais de 2015 así o recoñecen ao incluír unha transferencia de 170.000 euros (un total de 115.000 euros máis que nos orzamentos de 2014) da Concellaría de Educación a esta entidade para a citada escola infantil.

Menos cartos en Educación

Pola outra banda, as nacionalistas denuncian que a área de Educación sofre un recorte do 4% nos orzamentos municipais de 2015, cando o orzamento xenérico sobe un 3,2%. Precisamente, o amaño de centros de ensino de Educación Infantil e de Primaria, unha das poucas competencias que posúe a Concellaría, volve experimentar unha caída. O Sr. Negreira recolleu os orzamentos do anterior goberno cunha partida de 1.354.751 euros para arranxar os CEIP e fíxoa caer aos 879.707 euros nos orzamentos de 2015. Tamén sofre unha caída importante a partida de Programas educativos, que descende dos 345.920 euros orzados en 2014 aos 291.248 euros orzados para 2015.

O Goberno do Sr. Negreira non construíu ningunha nova escola infantil municipal en tres anos e medio