O Goberno do Sr. Negreira licita o contrato das obras de Catro Camiños sen modificar antes o PXOM

O Goberno do Sr. Negreira licita o contrato das obras de Catro Camiños sen modificar antes o PXOM

A Coruña, 12 de decembro de 2014- A Xunta de Goberno Local aprobou, na mañá de hoxe, a autorización do gasto para contratación das obras incluídas no Proxecto básico e de execución para a substitución do pavillón na praza de José Toubes Prego, aprobación dos pregos e do expediente de contratación, isto é, do centro cívico de Catro Camiños. Deste xeito, o Goberno do Sr. Negreira licita estas obras sen contar aínda coa preceptiva aprobación definitiva da modificación puntual do PXOM.

Precisamente, esta primeira modificacion puntual do PXOM da Coruña está en trámite despois das reiteradas denuncias do BNG que, desde un primeiro momento, sinalou que sería necesaria unha modificación do PXOM para que fose legal o equipamento dotacional. E é que o actual PXOM, lembran as nacionalistas, cualifica como zona verde o lugar onde se pretende construír o centro cívico. Amais de numerosas denuncias públicas, o Grupo Municipal do BNG dirixiulle ao Sr. Negreira un escrito a 08.08.2014 advertíndolle da obriga legal de tramitar a citada modificación do PXOM da Coruña e apuntaba que de non proceder á modificación do PXOM a obra sería ilegal por ser contraria ao planeamento urbanístico actualmente vixente.

O Grupo Municipal do BNG xa sinalara que sería imposíbel tramitar a modificación puntual do PXOM, que vén a ser a mesma tramitación que se esixe para a elaboracion do PXOM, para poder licitar no derradeiro trimestre do ano esta obra. O Goberno do Sr. Negreira optou por incumprir, máis unha vez, a legalidade, licitando as obras antes de aprobar definitivamente a modificación do Plan Xeral.

O Goberno do Sr. Negreira licita o contrato das obras de Catro Camiños sen modificar antes o PXOM