O Goberno do PP mentiu: como dixera o BNG o centro cívico de Catro Camiños necesita modificar o PXOM

O Goberno do PP mentiu: como dixera o BNG o centro cívico de Catro Camiños necesita modificar o PXOM

A Coruña, 27 de agosto de 2014- A primeira modificacion puntual do PXOM da Coruña para as obras do Centro Cívico de Catro Camiños confirma o que dicía e pedía o BNG, que era necesaria unha modificación do PXOM para que fose legal este equipamento dotacional, dado que no PXOM actual o lugar onde se pretende construír o centro ten a consideración de zona verde. Mais tamén evidencia, outra vez máis, como o Sr. Negreira minte e engana a cidadanía, anunciando un investimento nunhas obras que son ilegais mentres non se modifique o PXOM e prometendo a sua licitación no último trimestre do 2014, cando isto é imposíbel de cumprir tendo en conta o tempo que conleva a tramitación dunha modificación puntual do PXOM, que vén a ser a mesma tramitación que se esixe para a elaboracion do PXOM.

O escrito do BNG de 8 de agosto dirixido ao Sr. Alcalde

O 5 de agosto o goberno local anunciaba un investimento de 1,2 millóns para as obras e a súa licitación para o último trimestre do 2014 (http://www.coruna.es/servlet/Satellite?argIdioma=es&c=Page&cid=1126200847854&itemID=1407201246763&itemTemplate=Portal-Noticia-Detalle&itemType=Suceso&pagename=Portal%2FPage%2FPortal-SubportadaSeccion). Logo de denuncialo nos medios de comunicación o día 6 de agosto, o BNG presentou un escrito o 8 de agosto dirixido ao alcalde advertíndolle da obriga legal de tramitar unha modificación puntual do PXOM para amparar legalmente o equipamento dotacional previsto para a praza de Catro Camiños e indicándolle que, de non proceder a esta modificación do PXOM, esta actuación sería ilegal. O escrito do BNG tivo os seus efectos, dado que, segundo consta na documentación do trámite de consultas no procedemento de avaliación ambiental estratéxica, o 22 de agosto o Goberno local presenta na Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galiza o escrito de comunicación para o inicio de tramitación da modificación puntual número 1 do PXOM da Coruña. Isto é, aínda que no documento de modificación figura como data xullo, o concello remite o documento xusto despois de ser denunciada a ilegalidade polo BNG.

O procedemento dunha modificación puntual do PXOM é o mesmo que o do propio PXOM, razón pola que o Sr. Alcalde minte con fins electorais cando di que as obras se licitarán no ultimo trimestre do 2014

Ademais de anunciar con fins estritamente electorais un investimento ilegal de 1,2 millons de euros, o Sr. Negreira minte tamén con fins electorais cando di que as obras se ían licitar no último trimestre do 2014. Non estarán licitadas no último trimestre de 2014, e dificilmente poderán estar antes das municipais do 2015, tendo en conta o tempo que conleva o procedemento dunha modificación puntual do PXOM, cuxa tramitación é a mesma que a do propio PXOM.

E é que logo do tramite ambiental (que non vai estar finalizado até novembro), está a aprobacion inicial polo Pleno e exposición ao publico (dous meses) coa simultánea solicitude de informes sectoriais e ditame da Comisión Superior de Urbanismo, despois a aprobacián provisional polo Pleno e posterior reenvío á Xunta de Galiza para a sua aprobación definitiva.

O Goberno do PP mentiu: como dixera o BNG o centro cívico de Catro Camiños necesita modificar o PXOM