A EPA demostra que se destruíron 16 postos de traballo ao día de xaneiro a marzo

A EPA demostra que se destruíron 16 postos de traballo ao día de xaneiro a marzo

ParoA Coruña, 23 de abril de 2015.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que a Enquisa de Poboación Activa (EPA) advirte da destrución dun total de 4.800 postos de traballo respecto ao primeiro trimestre de 2014 na cidade da Coruña. Así, mentres no primeiro trimestre de 2014 había un total de 125.200 persoas ocupadas –persoas con emprego- no primeiro trimestre de 2015 houbo tan só 97.500 persoas ocupadas. Isto tradúcese na destrución de 13 postos de traballo cada día do ano.

O mesmo acontece coa comparativa respecto do trimestre anterior. Mentres no derradeiro trimestre de 2014 había 99.000 persoas ocupadas, no primeiro trimestre de 2015 só houbo 97.500 persoas, o que se traduce na destrución de 1.500 postos de traballo, máis de 16 postos de traballo destruídos cada día.

Desgrazadamente, os datos da última EPA tamén son negativos no que atinxe ao desemprego. Mentres no último trimestre de 2014 había 19.800 persoas no paro, no primeiro trimestre de 2015 rexistráronse 20.600 persoas no desemprego.

A EPA non ten en conta o drama da emigración

O Grupo Municipal do BNG advirte de que, tal e como pode comprobarse na metodoloxía da EPA, non son “enquisábeis” as persoas que levan máis de tres meses fóra da Coruña, polo que non reflicte o drama da emigración. A este respecto, o BNG tira dos datos do Padrón de Residentes no Estranxeiro. Este padrón sinala que a 01.01.2015 (últimos datos publicados polo IGE), había 30.142 persoas do Concello da Coruña no exterior do Estado español. O número de persoas que se ven na obriga de emigrar é aínda maior, pois este padrón non reflicte os datos dos coruñeses e coruñesas que marchan para outros Concellos pertencentes ao Estado español.

O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a destrución de 4.500 postos de traballo nun ano ou de 1.500 postos de traballo entre decembro e marzo é unha mostra máis de que A Coruña se está a converter nun deserto industrial e de que as políticas do Goberno do Sr. Negreira de asfixia social e de dilapidación de recursos públicos en cuestións que non crean riqueza conducen á miseria. Ante esta situación, as nacionalistas apostan polo investimento e polo impulso dos sectores produtivos que temos na cidade.

A EPA demostra que se destruíron 16 postos de traballo ao día de xaneiro a marzo