EMALCSA adquirirá o 49% do capital social de EMVSA, cuxas contas volven ser negativas

EMALCSA adquirirá o 49% do capital social de EMVSA, cuxas contas volven ser negativas

ConcelloA Coruña, 26 de xuño de 2014- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que EMALCSA (Empresa Municipais de Augas da Coruña) adquirirá o 49% do capital social de EMVSA (Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades), tal e como reflicte a memoria de xestión de 2013 desta última.

Ao igual que na memoria de xestión de 2012, advírtese dun “posíbel proceso de reestruturación da Sociedade derivado das condicións de mercado actuais” e concrétase que o proceso de adquisición do 49% por parte de EMALCSA “permitirá afortalar a posición de solvencia da sociedade, dotándoa de maiores recursos financeiros, o que permitirá seguir levando a cabo a prestación de servizos de diversa índole ao Concello da Coruña”, é dicir, para que EMVSA teña solvencia, sinalan as nacionalistas.

O Grupo Municipal do BNG sinala que, segundo os datos da memoria de xestión de 2013, as contas de EMVSA presentan un saldo negativo de 123.294,76 euros e, malia esta situación económica, o Goberno do Sr. Negreira segue a encomendarlle a xestión de servizos a esta empresa municipal. Para o BNG non queda dúbida de que os problemas económicos da sociedade municipal veñen motivados polas múltiples e varias funcións, moitas das cales non lle deberían corresponder.

Entre as encomendas de xestión que EMVSA ten, entre outras, a día de hoxe a construción do aparcadoiro da praza das Conchiñas e a reurbanización en superficie da praza; a constución do complexo deportivo do Castrillón; a construción do aparcadoiro na contorna do Centro Oncolóxico de Galiza; os procedementos sancionadores por infraccións de tráfico; Bicicoruña, o servizo de xestión de aluguer de bicicletas; a revisión e adaptación do PEPRI; a asistencia xurídica urbanística ao Concello; o aparcadoiro do hospital Materno-Infantil; o aparcadoiro, comercial e centro deportivo de Matogrande; o parque da Agra do Orzán e mais colaboracións con EMALCSA e coa Fundación EMALCSA.

Tal e como recolle o citado informe de xestión, sinálase que en 2014 se desenvolverán os proxectos de construción do aparcadoiro das Conchiñas, a construción do aparcadoiro da contorna do Centro Oncolóxico de Galiza, a construción do Centro Deportivo do Castrillón e mais a construción do aparcadoiro do Materno-Infantil. O BNG xa denunciara no seu día que só o custo da obra do aparcadoiro na contorna do Oncolóxico, 3.569.500 euros co IVE, supera os 3.101.130 euros do orzamento de EMVSA para 2014, un orzamento que non recolle a encomenda de xestión desta obra.

EMVSA admite a necesidade de financiamento adicional para o aparcadoiro das Conchiñas e fai bailar o número de reservas

Ademais, a memoria de xestión de EMVSA recoñece que para a construción do aparcadoiro das Conchiñas necesitará financiamento adicional e advirte de que conta coa reserva de 40 prazas de aparcadoiro. Esta cifra chámalle a atención ao Bloque, dado que na memoria de xestión de 2012, EMVSA falaba de que tiña reservadas 72 prazas, cifra que rebaixou en 32 na memoria de xestión de 2013.

EMALCSA adquirirá o 49% do capital social de EMVSA, cuxas contas volven ser negativas