Caso "Pokemon": O BNG esixe máis medios persoais e materiais para a axilidade da xustiza

Caso "Pokemon": O BNG esixe máis medios persoais e materiais para a axilidade da xustiza

A Coruña, 10 de xaneiro de 2014. En relación coas declaracións do sr. Negreira, alcalde da Cidade da Coruña, en que solicita a máxima celeridade e axilidade á xuíza encargada da instrución do caso Pokemon polas consecuencias negativas que ten para todas as persoas imputadas do Concello da Coruña, o grupo municipal do BNG quere lembrarlle ao sr. Alcalde que a axilidade no funcionamento da Xustiza que pide para tales persoas imputadas depende só de que as Administracións Central e Autonómica, gobernadas polo PP, doten de máis medios materiais e humanos ao Poder Xudicial, que tamén está a padecer precisamente os recortes do PP, para que poida levar a cabo a súa función de xulgar e executar o xulgado en condicións que garantan o seu funcionamento normal.

O grupo municipal do BNG tamén quere lembrarlle ao sr. Alcalde que esta axilidade e celeridade que pide agora á Administración da Xustiza debe ser para todas as persoas e non só, como demanda o sr. Negreira, para as persoas imputadas do Concello da Coruña polo caso Pokemon. Coas súas declaracións e peticións, o sr. Alcalde semella estar solicitando unha diferenza no trato xudicial por imputacións especiais fronte a outras que non o son, atendendo a repercusión social da propia imputación.

E por último, o grupo municipal do BNG igualmente quere lembrarlle ao sr. Negreira que a citación para que unha persoa compareza para prestar declaración como imputada vén recollida na Lei de Axuizamento Criminal e implica, presumindo sempre a inocencia da persoa imputada mentres non se demostre o contrario, que sobre esa persoa existen indicacións fundadas ou indicios racionais de culpabilidade. A tales efectos, abonda lembrar que o artigo 486 da citada disposición legal establece que «a persoa a quen lle se impute un acto puníbel deberá ser citada só para ser ouvida, a non ser que lei dispoña o contrario, ou que desde logo proceda a súa detención».

Caso "Pokemon": O BNG esixe máis medios persoais e materiais para a axilidade da xustiza