Carril transmítelle o apoio do BNG @s traballador@s de Renfe e Adif pechad@s na estación

Carril transmítelle o apoio do BNG @s traballador@s de Renfe e Adif pechad@s na estación

A Coruña, 15 de maio de 2013.- O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, visitou esta mañá os comités de empresa de Adif e Renfe, que están pechados durante o día de hoxe na estación de San Cristovo para protestar polas políticas do PP de desmantelamento do ferrocarril convencional, a supresión de servizos e o peche de estacións.

Carril, que lle transmitiu o apoio do BNG aos traballadores e traballadoras de Adif e de Renfe, lamenta que o Goberno municipal nin sequera permitira debater a moción das nacionalistas, elaborada conxuntamente coa Sección Ferroviaria da CGT, no Pleno ordinario de maio. Nesta iniciativa, froito dos encontros de traballo mantidos entre responsábeis do BNG e do sindicato, as nacionalistas pedían que o Concello da Coruña loitase por un transporte ferroviario colectivo, público e eficaz, onde as traballadoras tivesen unhas condicións de traballo dignas e onde a sociedade puidese gozar dun servizo ferroviario de calidade e seguro.

O portavoz do BNG no Concello da Coruña esixe o mantemento dun servizo público, seguro, social e efectivo. Pide, ademais, que se mellore o servizo no transporte ferroviario, sempre na defensa do tren e dos camiños de ferro como interese público. Tamén reclama o mantemento dos actuais servizos ferroviarios que Renfe presta na nosa cidade e que se dean os pasos para artellar un tren de proximidade.

 

 

Carril transmítelle o apoio do BNG @s traballador@s de Renfe e Adif pechad@s na estación