Carril propón un plan de dinamización dos mercados municipais para ocupar os postos baleiros

Carril propón un plan de dinamización dos mercados municipais para ocupar os postos baleiros

Carril mercadoA Coruña, 30 de abril de 2015.- Das propostas en materia de mercados municipais, o cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, salienta como aposta principal un plan de dinamización dos mercados municipais con accións de revitalización transversais, ofertando os numerosos postos pechados como sementeiras de emprego de moi diversa índole a través dos correspondentes servizos públicos.

“Todas aquelas persoas que non teñen posibilidades de iniciar unha actividade por falta de local ou que se ven obrigadas a compartir local e gastos con outras persoas poderían aproveitar o uso dos locais baleiros a través da oferta municipal correspondente con prezos públicos asequíbeis”, exemplifica Carril. “Estes locais contarían coa infraestrutura necesaria para as súas actividades, sinaladamente conexión a internet”, engade. Ademais, o candidato nacionalista explica que a actividade destas persoas nos locais baleiros “demandaría outras actividades no propio mercado, como os de hostalaría; e non só iso, tamén se reforzaría o consumo de produtos frescos que ofrece un mercado municipal, porque estas persoas aproveitarían para facer as súas compras de peixe, carne, verduras, froita... nos postos tradicionais do mercado”.

Cumprimento da moción en apoio e defensa da actividade no mercado municipal de Santa Lucía

Carril sinala que outra das medidas recollidas no programa electoral do BNG-Asembleas Abertas para os mercados municipais é o cumprimento da moción aprobada polo Pleno, a instancias do BNG, en apoio e defensa da actividade no mercado municipal de Santa Lucía. Lembra o candidato nacionalista que todos os grupos da Corporación acordaron “articular as medidas necesarias mentres se realicen as obras de rehabilitación do mercado de Santa Lucía para que as praceiras e os praceiros poidan continuar a súa actividade nun lugar habilitado para tales efectos no propio barrio” e que, despois da finalización das obras de rehabilitación, se adopten “as medidas que correspondan para que as praceiras e praceiros do mercado de Santa Lucía poidan incorporarse aos postos que se oferten no novo edificio do mercado de Santa Lucía, sempre a través dos procesos selectivos pertinentes, que deberán ter en conta a experiencia e os anos de dedicación con profesionalidade e atención demostradas a esta actividade de comercio de barrio”.

Entre as propostas recollidas polo BNG-Asembleas Abertas en materia de mercados municipais, tamén se atopa a aposta polos circuítos curtos de comercialización para produtos alimentarios locais, especialmente artesanais, ecolóxicos e de proximidade e mais o apoio a persoas produtoras locais, a través de formación e de obradoiros, sobre seguridade alimentaria e etiquetaxe por mor das dificultades que introduce a lexislación actual.

Carril propón un plan de dinamización dos mercados municipais para ocupar os postos baleiros