Carril sobre a exclusión dos migrantes: "É unha vulneración dos dereitos humanos e fundamentais"

Carril sobre a exclusión dos migrantes: "É unha vulneración dos dereitos humanos e fundamentais"

IMG_20150428_201007A Coruña, 28 de abril de 2015.- En relación á recente decisión da Xunta Electoral de vetar a presenza de Djiby Fall (no número 13) e de Cheikh Faye (no número 19) na candidatura do BNG-Asembleas Abertas, o candidato nacionalista Xosé Manuel Carril pon de manifesto que “a lexislación electoral española é claramente discriminatoria, e dicímolo tendo en conta o que recolle o Convenio Europeo de Dereitos Humanos e a interpretación que fai o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos”. O cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas engade que a decisión da Xunta Electoral representa unha “clara vulneración dos dereitos humanos e dos dereitos fundamentais”.

Neste sentido, Carril explica que a Xunta Electoral vetou que dúas persoas poidan exercer o seu dereito fundamental a participar en asuntos públicos, “prohibíuselles a dúas persoas o dereito ao voto e a se presentaren como candidatos a unhas eleccións, alegando única e exclusivamente que non está acreditada nin a súa nacionalidade española nin ningunha outra nacionalidade da Unión Europea e que, polo tanto, son inelixíbeis. Isto evidencia que non é igual ser europeo que ser africano”, denuncia.

O cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas insiste en que se trata dunha clara vulneración dos dereitos humanos e dos dereitos fundamentais porque “estamos a falar de persoas que teñen vínculos estreitos e continuados coa Coruña e con Galiza e son persoas con permiso de residencia e de traballo, que viven, traballan e pagan os seus impostos ao igual que ouutras persoas. Porén, non se lles deixa participar nos asuntos públicos”. Na mesma liña, Carril sinala que a Djiby Fall e Cheichk Faye se lles “está a prohibir que desde o público se poidan resolver os seus problemas, que tamén os teñen”.

Son varios os tratados internacionais que consagran o dereito a participar na vida pública como dereito humano: a Declaración Universal de Dereitos Humanos, a Convención Internacional sobre Dereitos Civís e Políticos ou o Convenio Europeo de Dereitos Humanos, entre outros. Tamén o ordenamento xurídico español ten ratificado todos os instrumentos referidos, polo que son directamente aplicábeis no Estado español. Por iso, o BNG-Asembleas Abertas anuncia que lle pedirá á Xunta Electoral que reconsidere a prohibición de que os migrantes senegaleses participen na candidatura. Namentres, os compañeiros senegaleses serán substituídos polo senegalés con nacionalidade española Limamou Sylla Ndiaye e por Eric Dobaño Salgado, no número 13 e 19, respectivamente.

Carril sobre a exclusión dos migrantes: "É unha vulneración dos dereitos humanos e fundamentais"