Os cambiazos no PXOM benefician os intereses privados da empresa que xestiona "La Solana"

Os cambiazos no PXOM benefician os intereses privados da empresa que xestiona "La Solana"

A Coruña, 2 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG sinala que o Goberno do Partido Popular debería ter suspendido a concesión da licenza das obras da Solana. E é que amais de tratarse de obras que están incluídas no ámbito de aplicación material do acordo de suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas urbanísticas no ámbito de aplicación da modificación do PEPRI aprobado inicialmente, trátase dun proxecto en que as determinacións dos planeamentos urbanísticos rexistran contradicións motivadas polo cambiazo rexistrado no PXOM aprobado definitivamente para beneficiar os intereses privados da entidade que xestiona o complexo deportivo da Solana.

O cambio da calificación de dotacional público a dotacional privado no PXOM aprobado definitivamente en 2013 contradí tanto o PEPRI aprobado inicialmente en decembro de 2012 como no PEPRI de 1998 e faise única e exclusivamente para permitir que se poida facer a ampliación da Solana. Deste xeito, o planeamento xeral axústase a un proxecto privado moi concreto, no lugar de ser ao revés, para permitir a súa materialización. Por esta razón, tal e como figura no expediente administrativo, enténdese que, logo deste “cambiazo” o 16 de abril de 2013 a entidade interesada presentase un anexo ao proxecto básico de remodelación da área deportiva da Solana “conforme ao PXOM 2013”.

As contradicións entre o PXOM aprobado definitivamente e o PEPRI de 1998 e o PEPRI aprobado inicialmente en decembro de 2012 

Segundo o acordo da Xunta de Goberno Local do 10 de decembro de 2012 (DOG de 11 de febreiro de 2013), polo que se procede á suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas urbanísticas no ámbito de aplicación da modificación do PEPRI aprobado inicialmente, “Non se suspenden as licenzas para aqueles proxectos que cumpran simultaneamente ambos os dous planeamentos” (punto 4, letra d). Mais no caso concreto das obras da Solana procede necesariamente a suspensión vistos os desaxustes e contradicións entre o PEPRI de 1998 e o PEPRI aprobado inicialmente en decembro de 2012 co PXOM aprobado definitivamente en 2013.

Tanto no PEPRI de 1998 como no PEPRI aprobado inicialmente en decembro de 2012 as instalacións deportivas da Solana figuran como dotacional público. Pola contra, no PXOM aprobado definitivamente tales instalacións deportivas figuran como dotacional privado . Esta contradicción xa foi evidenciada polo BNG nas súas alegacións ao documento de revisión e adaptación do PEPRI, presentads o 11 de abril de 2013, en literalmente indicaba o BNG que “a respecto do PXOM, sinálase respecto das zonas verdes (páxina 118 da memoria do PEPRI) que neste apartado cómpre destacar a proposta do Plan Xeral en tramitación respecto das zonas verdes, coa incorporación do solo correspondente na actualidade ás instalacións deportivas da Solana como zona verde do sistema local, concretamente como Parque Deportivo, figurando dito parque de 24.600,73 m2, como ZL-27 (delimitada no plano na páxina 121 do PEPRI), cando a realidade é que no PXOM aprobado non ten tal calificación [Espazo Libre. Parque Deportivo (PD). Privado (Pv)]”.

 As contradicións son propiciadas polo cambiazo do PXOM aprobado definitivamente en 2013 a respeto do que indicaba o PXOM aprobado inicialmente en 2009 e provisionalmente en 2012

As contradicións entre os planeamentos traen causa dun “cambiazo” no PXOM aprobado definitivamente en 2013, que ten como única finalidade beneficiar os intereses privados da entidade que xestiona o complexo deportivo da Solana para permitirlle as obras de ampliación cuxa licenza acaba de aprobar o Goberno local do Partido Popular. Por esta razón, tal e como figura no expediente administrativo, enténdese que, logo deste “cambiazo” o 16 de abril de 2013 a entidade interesada presentase un anexo ao proxecto básico de remodelación da área deportiva da Solana “conforme ao PXOM 2013”.

O cambiazo en cuestión atinxe á calificación prevista inicialmente de dotacional público, que co PXOM aprobado definitivamente pasa a dotacional privado. No PXOM aprobado inicialmente en decembro de 2009 as instalacións deportivas figuraban como dotacional público (véxase anexo 3). E tamén no PXOM aprobado provisionalmente en agosto de 2012 figuraban tales instalacións coa calificación de dotacional público. Tal calificación cámbiase no PXOM aprobado no pleno de decembro de 2012, en que tales instalacións aparecen calificadas como dotacional privado na ficha correspondente da súa aprobación definitiva.

Os cambiazos no PXOM benefician os intereses privados da empresa que xestiona "La Solana"