Cada vez son máis as críticas ao desenvolvemento das obras motivadas polo aparcadoiro

Cada vez son máis as críticas ao desenvolvemento das obras motivadas polo aparcadoiro

A Coruña, 28 novembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG salienta que cada vez son máis as críticas ao desenvolvemento das obras motivadas polo aparcadoiro subterráneo privado das Conchiñas. Así, ao malestar dos veciños e veciñas dado o achique da superficie da praza das Conchiñas súmanse agora as críticas dos traballadores e traballadoras da praza polo tapiado dunha porta que daba acceso ao mercado.

Dada a preocupación dos praceiros e praceiras, que iniciaron unha recollida de sinaturas, o Grupo Municipal do BNG empraza o Goberno do Sr. Negreira a atopar unha solución consensuada coas propios traballadores do mercado. Precisamente, as nacionalistas critican que o Goberno local acometa obras sen consultar antes coas persoas afectadas.

O Grupo Municipal do BNG volve lembrar a preocupación dos veciños e veciñas da contorna das Conchiñas ante a redución dos espazos libres da praza, xa que se colocaron unhas enormes xardineiras e unha gran saída de aires –cunha altura considerábel- que dificultan o seu uso e funcionalidade. Tamén en relación coa falta de participación que caracteriza o Goberno do Sr. Negreira, as nacionalistas sinalan que as persoas usuarias da praza descoñecen o proxecto de urbanización da superficie deste espazo, unhas obras que foron motivadas pola decisión do Goberno local de construír un novo aparcadoiro subterráneo de pago.

O Grupo Municipal do BNG salienta que a praza das Conchiñas, até o inicio das obras do aparcadoiro soterrado, en maio de 2013, era das escasas zonas verdes das que dispuña a Agra do Orzán, o barrio máis populoso da cidade. Este espazo verde adoitaba ser frecuentado como zona de lecer por boa parte dos seus moradores, sobre todo maiores e familias con crianzas.

Cada vez son máis as críticas ao desenvolvemento das obras motivadas polo aparcadoiro