Bravo: "Promoveremos o uso e prestixio do galego en todos os eidos e accións do Concello"

Bravo: "Promoveremos o uso e prestixio do galego en todos os eidos e accións do Concello"

A Coruña, 17 de maio de 2015- A número 2 do BNG-Asembleas Abertas, María Xosé Bravo, anunciou esta mañá as principais actuacións que acometerá a formación nacionalista desde o Goberno municipal para impulsar o emprego do galego en todas as accións do Concello e en todos os eidos do municipio.

En declaracións aos medios no inicio do acto convocado por Queremos Galego con motivo do Día das Letras, María Xosé Bravo comprometeuse a recuperaro Servizo de Normalización Lingüística (SNL) municipal, dotándoo de persoal estábel e partida orzamentaria suficiente e anunciou que o BNG-Asembleas Abertas aprobará unha Ordenanza de impulso do galego e elaborará un plano de normalización da lingua con previsión de medidas para a incorporación do galego aos distintos ámbitos sociais e da propia administración.

A candidata do BNG-Asembleas Abertas salientou que o galego, como lingua oficial de toda a Administración local e, polo tanto, tamén do Concello, debe figurar en toda a documentación municipal tanto interna como facilitada ás veciñas e veciños, así como en todos os estabelecementos (bibliotecas, centros cívicos…) dependentes do Concello, sen ningunha marca de subordinación a calquera outra. Tamén sinalou que é necesaria a galeguización da Administración municipal mediante a esixencia de coñecementos de lingua galega nos procesos de selección de persoal; a formación especializada; a dotación de ferramentas de apoio ou a fixación de normas de comunicación oral e escrita, entre outras medidas. Ademais, María Xosé Bravo puxo de manifesto que se recuperará, se restaurará e se socializará a toponimia e microtoponimia que hai no termo municipal, aproveitando os estudos xa realizados.

Na mesma liña, o BNG-Asembleas Abertas garantirá, cando menos, o 50% da presenza do galego en toda a actividade das escolas infantís municipais, procurando a fórmula para garantir unha oferta mínima dunha liña íntegra na nosa lingua e desenvolverá accións normalizadoras dirixidas á poboación adulta. Tamén se terá presente neste sentido á poboación inmigrante, engadiu a número 2 do BNG-Asembleas Abertas.

A candidata nacionalista tamén anunciou o desenvolvemento de iniciativas de dinamización cultural e lingüística con entidades e instituciónsde países pertencentes ao tronco común do galego-portugués, reforzando as relacións con estes pobos, concienciando do carácter internacional da nosa lingua e enfatizando a súa utilidade e proxección. E isto, sinalou Bravo,seguindo a estela marcada pola Lei Valentín Paz-Andrade.