Bravo: "O convenio coa Deputación para a erradicación da infravivenda é unha chapuza"

Bravo: "O convenio coa Deputación para a erradicación da infravivenda é unha chapuza"

A Coruña, 25 de xaneiro de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo advirte da chapuza do convenio de colaboración coa Deputación aprobado en Xunta de Goberno Local esta mañá para a erradicación do chabolismo. E é que da lectura da documentación á que tiveron acceso as nacionalistas, trataríase de actividades que se desenvolveron no 2012; é dicir, apróbase en xaneiro un convenio cuxa aplicación ordinaria tivo lugar no 2012. "Unha vez máis, o Goberno do Sr. Negreira nin é eficaz nin dilixente", sinala Bravo. De feito, na documentación do convenio mesmo se alude ao 2012 como "o presente ano".

Aínda que se advirte de que o convenio poderá ser prorrogado, chama a atención, apunta a edila do BNG, que as actividades obxecto de financiamento provincial se realizarían desde o 1 de xaneiro de 2012 ao 31 de decembro de 2012.

Porén, á concelleira do BNG estráñalle que o concelleiro de Servizos Sociais aludira esta mañá ao convenio en futuro, como se estas actividades estiveran aínda por realizar. "Á vista deste lío chapuceiro conclúese que, unha de dúas, ou en xaneiro de 2013 se asina un convenio para gastar os cartos que non se gastaron en erradicación da infravivenda no 2012 ou é que o Goberno municipal trata de facernos crer que estas actividades xa foron realizadas no pasado ano", advirte Bravo.

De referirse ao pasado, a concelleira nacionalista pregúntase que tipo de actuacións se executaron xa, a cantas familias da Ponte da Pasaxe realoxou o Goberno municipal, que acompañamento social tiveron estas familias ou que itinerarios se levaron a cabo. "O BNG e as organizacións que traballan con colectivos que habitan estes núcleos de infravivendas non temos constancia de que se fixera nada disto", salienta Bravo, quen engade que "até é descoñecido tanto para o BNG como tamén para estas organizacións o Plan Especial da Ponte da Pasaxe, ao que a documentación fai referencia".

Bravo: "O convenio coa Deputación para a erradicación da infravivenda é unha chapuza"