Bravo acusa o Goberno municipal de traballar para a banca por conta das persoas desafiuzadas

Bravo acusa o Goberno municipal de traballar para a banca por conta das persoas desafiuzadas

A Coruña, 20 de marzo de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo pon de manifesto que as nacionalistas veñen de ter acceso á Circular 6/2013 da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) sobre o criterio da Comisión de Seguimento do Fondo Social de Vivenda, ao que, recentemente, se adheriu o Concello da Coruña. "Esta circular ratifica o denunciado polo BNG: este convenio, que pretende dar resposta ás necesidades de vivenda das persoas botadas das súas casas polos bancos, nin sequera é unha solución parcial", sinala Bravo, quen acusa o Goberno municipal de poñerse ao dispor da banca por conta das persoas desafiuzadas.

A concelleira do BNG salienta que en base ao convenio da FEMP e da banca, o Concello da Coruña trasladaralles ás entidades financeiras información de índole privada das persoas interesadas e será a propia entidade financeira que desaloxa as persoas da súa vivenda quen decida se esas persoas poden ser ou non beneficiarias do aluguer.

O trámite é o seguinte: as persoas desafiuzadas diríxense ao seu banco habitual, o banco que as desaloxa da súa vivenda, o banco pídelle documentación ao Concello e é o banco quen avalía se son as persoas idóneas para se beneficiaren do aluguer, explica. "Isto significa que os Servizos Sociais do Concello da Coruña van traballar para a banca, a máxima culpábel da situación de crise que sufrimos e da burbulla inmobiliaria", engade.

 

Se vostede ten a hipoteca asinada con Novagalicia Banco, con Bankia ou co BBVA non poderá acceder a ningunha vivenda do fondo social

Pola outra banda, a concelleira do BNG denuncia o despropósito do reparto de vivendas incluídas neste fondo social. Para a cidade da Coruña, só hai 3 inmobles recollidos no fondo social de vivendas e pertencen ao Banco Popular, a Barclays Bank e ao Banco CEISS. "É dicir, se vostede ten unha hipoteca en Novagalicia Banco, no BBVA ou en Bankia non vai poder ter acceso a ningunha vivenda", alerta Bravo.

A concelleira do BNG salienta que "as entidades xa non só botan as persoas da súa casa, quedándose co piso que as persoas hipotecadas deben seguir pagando, senón que teñen o descaro de ofrecer un alugueiro de entre un mínimo de 150 euros a un máximo de 400 euros". De aí que considere que o convenio aplaudido polo Partido Popular perpetúe o réxime xurídico actual: as entidades bancarias seguirán botando a xente da súa casa sen ningún tipo de garantía para permanecer dela e sen cancelar a débeda hipotecaria coa dación en pago.

Bravo acusa o Goberno municipal de traballar para a banca por conta das persoas desafiuzadas