O BNG visitou esta tarde o CEIP Anxo da Garda e recolleu as demandas da ANPA do centro

Filtracións a través das paredes no patio do centro
Filtracións a través das paredes no patio do centro
O BNG visitou esta tarde o CEIP Anxo da Garda e recolleu as demandas da ANPA do centro

A Coruña, 8 de marzo de 2016.- O Grupo Municipal do BNG visitou a primeira hora da tarde de hoxe as instalacións do CEIP Plurilingüe Anxo da Garda xunto con representantes da ANPA despois de que a semana pasada a comunidade escolar denunciara as graves deficiencias que está a sufrir o centro.

O Grupo Municipal do BNG realizou unha visita as instalacións do CEIP Anxo da garda xunto a ANPA do centro

Nesta visita, na que se percorreron as instalacións, a ANPA explicou á concelleira nacionalista Avia Veira as deficiencias que hoxe en día ten o CEIP e que no seu momento xa foran trasladadas pola equipa de dirección do colexio ao Goberno municipal e que aínda non foron atendidas.

As nacionalistas recolleron de primeira man as demandas da comunidade escolar a respecto da situación actual do servizo de conserxería e do mantemento das instalacións

Momento da visita ao CEIP Anxo da Garda

Deste xeito, as nacionalistas constataron a necesidade de buscar unha solución á cuberta do patio, na actualidade cunha cuberta parcial, e que nos días de chuvia provoca que a pista principal se molle e, en ocasións, debido á carencia de baixantes para a recollida efectiva de auga, chegue incluso a asolagarse. Isto, tal e como ten denunciado a comunidade escolar, produce situacións de risco xa que logo as características da superficie do chan do patio fan moi escorregadiza a pista e mesmo xa houbo algunha incidencia na que se puxo en perigo a integridade física do alumnado, polo que as nais e pais cualifican a situación como “insostíbel”.

O Grupo Municipal do BNG puido tamén observar nesta visita como existe nalgunha parede deste mesmo patio filtracións desde as edificacións anexas ao CEIP que dan lugar a acumulación de charcos en varias zonas, polo que sería necesario dotar de illamento a este espazo.

Avia Veira, na visita polo centro, recolleu, do mesmo xeito, as demandas da comunidade escolar referidas ao servizo de conserxería. A dirección do centro, nunha circular dirixida ás nais e pais do alumnado, poñía en coñecemento que este servizo non se está cubrindo debidamente polo Executivo local, situación que repercute nun deficiente funcionamento no que se refire ao control e vixilancia do alumnado e do propio centro, recepción de chamadas telefónicas, servizo de reprografía, recepción de pais etc, e de todas aquelas labores do propio servizo, e que esta substitución, incluso, hai días que non se realiza quedando sen atender completamente o servizo. De feito a ANPA informou ao BNG que hoxe mesmo se incorporou a este servizo unha cuarta persoa desde que se produciu no mes de novembro a baixa da persoa titular, coas distorsións que implica, isto é, tomar coñecemento das instalacións do centro e da propia dinámica dos horarios e actividades do alumnado e profesorado.

 Avia Veira: “Cómpre realizar actuacións urxentes que arranxen a situación do patio, así como solucionar a situación do servizo de conserxería garantido ter cuberta a praza mentres sega de baixa a persoa titular”

Filtracións a través das paredes no patio do centro

Por último o Grupo Municipal do BNG informou á representación das nais e pais da batería de preguntas rexistradas a semana pasada dirixidas ao Goberno municipal e nas que o propio Bloque recollía as demandas da comunidade escolar e pedía aclaracións do por que o non atendeu as reiteradas solicitudes da dirección do CEIP e demandando a solución das deficiencias a maior brevidade posíbel. Neste sentido, outra serie de demandas sobre o mantemento e a corrección e reparación de diversas incidencias tamén foron achegadas pola ANPA, comprometéndose as nacionalistas a dar cumprido traslado destas coa elaboración de novas iniciativas.

 

Noticias relacionadas