O BNG urxe a rematar as obras da estrada que une Feáns con Arteixo

O BNG urxe a rematar as obras da estrada que une Feáns con Arteixo

A Coruña, 22 de xuño de 2014.- O Grupo Municipal do BNG urxe o Sr. Negreira que lle exixa á Deputación o remate das obras da estrada CP-0152 que une A Coruña con Arteixo por Feáns, unhas obras que se desenvolven no termo municipal da Coruña e que levan bloqueadas desde setembro de 2013 debido a problemas coa adxudicataria.

As obras desta estrada provincial que une o Birloque con Arteixo, e que pasa por Mesoiro, Feáns e Uxes, están localizadas despois do núcleo de Feáns e teñen por finalidade o ensanche da vía e a mellora do seu trazado e do seu firme. Até o parón das actuacións, estaba executado todo o movemento de terras e parte da subase.

O Grupo Municipal do BNG considera necesario que o Sr. Negreira actúe de inmediato para que se resolva o contrato e se retomen as obras, posto que se trata dunha estrada moi transitada e dada a súa actual situación supón un grande risco para os e as condutoras, xa que existen importantes desniveis no ensanchamento e polas noites é escasísima a iluminación.

O Bloque lembra que esta obra foi adxudicada á UTE Birloque-Arteixo o 5 de decembro de 2012 e no Pleno da Deputación de 28 de xuño deste ano aprobouse un proxecto reformado que, entre outras cuestións, supuña a modificación das superficies e dos bens inicialmente afectados. O prazo de execución do proxecto modificado era de oito meses e o contrato foi asinado o 16 de xullo de 2013. Segundo puido saber o Bloque, nestes momentos encóntrase á espera dunha resolución do contrato.

O BNG urxe a rematar as obras da estrada que une Feáns con Arteixo