O BNG reclama 2 millóns para un by pass en Betanzos para reducir o traxecto A Coruña-Ferrol en tren

O BNG reclama 2 millóns para un by pass en Betanzos para reducir o traxecto A Coruña-Ferrol en tren

A Coruña, 3 novembro de 2014- O BNG vén de presentar unha emenda parcial aos orzamentos xerais do Estado para 2015 co fin de que se incorpore unha partida de 2 millóns de euros para construír un by pass na estación Betanzos Infesta, xa que deste xeito se reduciría a menos dunha hora a viaxe en tren entre A Coruña a Ferrol, cuxa duración é, a día de hoxe, de 1h26 min. As nacionalistas basean a súa emenda parcial na necesidade de unir ambas as cidades a través dos camiños de ferros de forma competitiva e segura, xa que as condicións do tren entre A Coruña e Ferrol fan que sexa esta infraestrutura sexa inservíbel, que careza de persoas usuarias e que sexa un medio de transporte viábel.

O BNG pon de manifesto que a construción do by-pass melloraría sensibelmente a duración da viaxe que une A Coruña e Ferrol, un itinerario cunha poboación duns 500.000 habitantes. As nacionalistas, que levan anos reclamando o by pass para Betanzos Infesta no Congreso dos Deputados, advirten de que a infraestrutura é compatíbel coa vía actual e cos deseños da adecuación ás altas prestacións ferroviarias.

A Coruña-Ferrol, cun rodeo que fai perder tempo

O BNG explica que en Betanzos (con dúas estacións, Betanzos-Infesta e Betanzos centro) crúzanse dúas liñas: A Coruña-Ferrol e A Coruña-Palencia. Para ir en tren da Coruña a Ferrol hai que ir, necesariamente, á estación de Infesta, que se atopa na dirección A Coruña-Palencia, onde se detén e onde cambia o sentido da marcha. Desde alí, o tren que facer un grande rodeo e salvar un forte desnivel para chegar á estación de Betanzos-centro, o que provoca un atraso enorme.

Carecer de by pass en Betanzos provoca que a día de hoxe sexa practicamente igual a duración do traxecto do tren da liña A Coruña-Ferrol, con 1h16min, que a do AVE que une Madrid e Zaragoza, cuxa duración é de 1h20min.

O BNG reclama 9 millóns de euros para a conexión ferroviaria do porto exterior

Tamén en materia ferroviaria, o BNG presentou outra emenda parcial aos orzamentos xerais do Estado para 2015 co fin de que recollan 9 millóns de euros para a conexión ferroviaria do porto exterior, unha infraestrutura na que o Partido Popular ten nulo interese.

Nas contas de 2015 e en pleno proceso de finalización do período das alegacións ao trazado para executar o acceso ferroviario a Punta Langosteira, os orzamentos xerais só consignan 65.000 euros. O BNG lembra que se trata dunha partida que se proxectou, inicialmente, en 2009 e cuxo remate estaba previsto en 2014.

O BNG reclama 2 millóns para un by pass en Betanzos para reducir o traxecto A Coruña-Ferrol en tren