O BNG propón unhas ordenanzas fiscais e de prezos públicos máis xustas

O BNG propón unhas ordenanzas fiscais e de prezos públicos máis xustas

A Coruña, 14 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG presentou esta mañá as reclamacións ás ordenanzas fiscais e de prezos públicos, unhas alegacións que foron elaboradas en base ao criterio de xustiza social, e nas que os nacionalistas propoñen reducirlles os impostos a colectivos desfavorecidos, como persoas no desemprego, con discapacidade e pensionistas, entre outros, e aumentar, como corresponde legalmente, o Imposto de Bens Inmóbeis (IBI) á Autoridade Portuaria, logo de que o Goberno municipal lle conxelase este imposto.

As modificacións propostas polos nacionalistas foron elaboradas seguindo a filosofía da moción presentada polo BNG no Pleno de novembro para unha política fiscal municipal máis xusta, unha iniciativa tombada polo PP.

Recibo da auga: O BNG oponse á suba

Nunha das reclamacións, o BNG pide que non se suba o recibo da auga e que se adopten as medidas necesarias para mellorar o servizo e para abaratar o seu custe económico, garantindo, en todo momento, a súa calidade. Os nacionalistas opóñense así, a que aumente o prezo da auga máis de 50 euros anuais, de media, ao estabelecemento dunha taxa de 12 euros e ao encarecemento do servizo de sumidoiros, que se duplica, e de depuración, que aumenta un 460%.

Na súa alegación, os nacionalistas aluden aos beneficios millonarios de Emalcsa que demostran que o que se aboa polo recibo da auga é máis do que realmente custa o servizo. Así, denuncian que a veciñanza paga un sobrecusto polo abastecemento de auga, sumidoiros e depuración, un sobrecusto que non casa coa Lei 8/1989, de 13 de abril, de Taxas e Prezos Públicos, que obriga a que as taxas municipais dun servizo como a auga só cubran custos de explotación e non máis.

Precisamente esta mañá, os nacionalistas presentaban en rexistro un cento de alegacións máis de persoas a título individual. Estas reclamacións contra a suba da auga súmanse ás 1.700 rexistradas onte polo Grupo Municipal do BNG.

IBI: o BNG pide exencións para colectivos desfavorecidos e que a Autoridade Portuaria pague

No que respecta ao IBI, o Grupo Municipal do BNG propón unha bonificación de entre o 50 e o 90% da cota íntegra do imposto ás familias numerosas, sempre e cando a base impoñíbel do imposto non supere os 150.000 euros e cando se trate da vivenda habitual da persoa contribuínte. Así, os nacionalistas propoñen unha bonificación do 50% para as persoas con tres ou máis fillos, sexan ou non comúns, e unha bonificación do 90% para aquelas familias cando algún dos seus membros estea en situacións de discapacidade ou incapacidade á que alude á Lei 40/2003, de 18 de novembro de familias numerosas.

Ademais, o Grupo Municipal do BNG pide nunha das reclamacións que non se lle conxele o IBI á Autoridade Portuaria, de modo que este tipo pase do 0,6% para o 1,3%. Os nacionalistas opóñense, así, a que o Goberno municipal lle conxele o IBI ao Porto (mentres llo incrementa á refinaría ou ás autoestradas) e a que o Concello deixe de ingresar, por esta conxelación, un total de 1,09 millóns. O BNG fai mención na reclamación aos 17,3 millóns de beneficios que obtivo a Autoridade Portuaria no 2012.

Prezos públicos: o BNG pide que non paguen nada as persoas no desemprego e pensionistas

No que respecta aos prezos públicos por prestación de servizos municipais, os nacionalistas propoñen unha bonificación do 100% da cantidade a pagar cando as persoas acrediten estar en situación legal de desemprego ou cando se trate de persoas preceptoras de pensións da Seguridade Social na contía mínima legalmente estabelecida.

O BNG sinala na reclamación a necesidade de que o Concello atenda á situación económico-social das persoas contribuíntes en base aos principios de equidade e xustiza social, máxime tendo en conta que hai 23.239 persoas no paro na nosa cidade.

Hortas urbanas: o BNG propón que as hortas sexan de balde

Tamén reclama o Grupo Municipal do BNG contra a ordenanza que regula o prezo público das hortas de lecer, para que o uso das hortas sexa de balde (o Goberno municipal aprobou inicialmente un custo de 50 euros por cota de inscrición e de 25 euros mensuais).

Os nacionalistas aluden a que Concellos desta propia comarca e do resto do país pon á disposición da veciñanza hortas de balde, que non contemplan o pago de ningunha taxa. Deste xeito, advirte, garántese que o pobo, con independencia da súa capacidade económica, poida acceder ás hortas sen ter que pagar ningún tipo de taxa.

Animais: o BNG reclama contra o aumento das tarifas de incineración

Por último, o Grupo Municipal do BNG presentou unha reclamación contra a suba de tarifas por incineración colectiva e individual de animais. Os nacionalistas critican que se encareza un servizo que é de obrigado e inescusábel uso por parte das persoas que posúen un animal. E é que na actualidade a incineración é un deber.

Logo de reunirse con colectivos en defensa dos animais, o Grupo Municipal do BNG acordou pedir que non se aumenten as tarifas por incineración individual de animais, xa que as persoas que contan cunha mascota non teñen outra alternativa legal que a inicineración. As modificacións propostas polo Goberno municipal estabelecen unha tarifa de 85,65 euros no caso de seren animais de menos de 25 kg e para os que superan este peso a taxa a pagar é de 110,74. As ordenanzas vixentes contemplan unha única taxa de 84,05 euros para a incineración de todos os animais, independentemente do seu peso.

O BNG propón unhas ordenanzas fiscais e de prezos públicos máis xustas