O BNG presenta unha moción para que o Pleno amose o seu apoio á UdC

O BNG presenta unha moción para que o Pleno amose o seu apoio á UdC

A Coruña, 5 de xuño de 2014- O Grupo Municipal do BNG vén de rexistrar unha moción para o seu debate no vindeiro Pleno en que lle solicita á Corporación o seu apoio á Universidade da Coruña (UdC) e que ratifique a declaración institucional en defensa da universidade pública aprobada polo Claustro na sesión ordinaria de 15 de maio de 2012.

Tal e como se pon de manifesto na moción e en consonancia co recollido pola citada declaración institucional da UdC, o Bloque pediralle ao Pleno que considere a educación universal, pública e de calidade como un dereito fundamental, base da formación de persoas libres e críticas e dunha cidadanía responsábel. Na mesma liña, insta o Concello a considerar a Universidade pública como un instrumento fundamental de cohesión social e económica, que vén demostrando desde hai máis de trinta anos a súa validez como garante da igualdade de oportunidades no acceso ao ensino superior.

Co fin de ratificar o acordo do Claustro de 2008, no que se pide a conxelación dos prezos de matrícula e o incremento de bolsas baixo o principio de igualdade e de xustiza social, a moción do BNG pide que o Concello da Coruña manifeste a súa oposición á suba do custo das matrículas universitarias. E é que as razóns esgrimidas naquel momento están plenamente vixentes no momento actual, sinalan as nacionalistas.

Ademais, a moción do Bloque insta o Concello da Coruña a reclamar o financiamento público necesario para que a UdC poida converxer coas universidades da contorna europea coas que se lle compara. Tal e como recolle a declaración institucional do Claustro da UdC, as nacionalistas sinalan na moción que o investimento en educación e I+D+i é unha condición necesaria para superar con éxito a crise global actual.

Por último, o Grupo Municipal do BNG insta o Concello da Coruña a solicitar a implicación da sociedade na defensa do dereito fundamental á educación e á mellora do sistema universitario como servizo público esencial garante da democracia e da cohesión social.

O BNG presenta unha moción para que o Pleno amose o seu apoio á UdC