O BNG presenta unha iniciativa na que solicita unha rúa na cidade para Lois Pereiro

Lois Pereiro
O BNG presenta unha iniciativa na que solicita unha rúa na cidade para Lois Pereiro

A Coruña, 27 de febreiro de 2016.- O Grupo Municipal do BNG presentou onte por rexistro unha iniciativa na que solicita unha rúa ao poeta Lois Pereiro. Retoman así as nacionalistas a solicitude que presentaran en abril de 2012 mais que non fora estimada polo Goberno do Sr. Negreira.

As nacionalistas solicitaron onte por rexistro que se inicien os trámites para o outorgamento da denominación dunha rúa precisamente neste 2016, ano no que se cumpren 20 anos do pasamento deste poeta monfortino, un auténtico referente da modernidade nos 80 e comezos dos 90 que escolleu a nosa cidade para vivir e escribir

Lois Pereiro

Deste xeito, o grupo nacionalista propón que se inicien os trámites para o outorgamento da denominación dunha rúa segundo o que recolle o Regulamento de Honras e Distincións do Concello da Coruña.

Entenden, desde o Bloque, que neste 2016, dedicarlle unha rúa ao poeta monfortino, que escolleu a nosa cidade para vivir e escribir, ten moito simbolismo dado que se cumpren 20 anos do seu pasamento.

O BNG destaca na súa proposta que a relación de Lois Pereiro coa Coruña vai máis aló do simplemente circunstancial pois logo de ter rematados os seu estudos en Madrid o poeta monfortino escolleu vivir na Coruña e sería na nosa cidade onde escribiría a maioría da súa obra, estando sempre moi presente nela.

O Bloque argumenta na súa solicitude que Lois Pereiro formou parte dos proxectos culturais que fixeron da nosa cidade un referente da modernidade nos 80 e comezos dos 90. Primeiro, no Atlantismo, nucleado arredor da revista La Naval, da que foi fundador, sumándose logo, a mediados dos 80, ao grupo poético De amor e desamor, ou formando parte, así mesmo, dunha das publicacións culturais máis influíntes e de máis longo percorrido da nosa cultura, Luzes de Galiza, que promoveu o grupo de escritores coruñeses encabezado por Manuel Rivas e Xavier Seoane entre outros. Foi Luzes, precisamente, quen publicou os seus últimos textos, sobre de todo o seu ensaio Modesta proposición e, postumamente, a súa novela Náufragos do paradiso, engade o BNG.

O Bloque, na mesma solicitude, tamén piden sendas rúas para Manuel María, a quen este ano está dedicado o “Día das Letras Galegas” e a Ánxel Casal

Outras propostas imprescindíbeis para este 2016: Manuel María e Ánxel Casal

manuel_mariaPrecisamente, na mesma proposta, o BNG solicita outra rúa a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, ao poeta Manuel María. Para o Bloque, o poeta chairego é referencia imprescindíbel no panorama literario galego da segunda metade do século XX, o cal estivo vencellado á cidade da Coruña desde a súa infancia e adolescencia, e onde se estableceu no 1998 e pasou os últimos anos da súa vida converténdose nunha personalidade de referencia para toda a cidadanía.

Por último, a proposta presentada polo BNG tamén inclúe a solicitude dunha última rúa para Ánxel Casal, de orixe coruñesa, fundador na Coruña en 1924 da editorial Lar, xunto a Leandro Carré Alvarellos, na que se imprimía a revista Nós ou a revista “A Nosa Terra”, voceiro oficial das “lrmandades da Fala”.

Iniciativa presentada

O BNG presenta unha iniciativa na que solicita unha rúa na cidade para Lois Pereiro