O BNG pregúntase a que agarda Negreira para constituír a comisión de investigación da ORA

O BNG pregúntase a que agarda Negreira para constituír a comisión de investigación da ORA

A Coruña, 4 de marzo de 2014.- O Grupo Municipal do BNG pregúntase a que espera o Sr. Negreira para constituír a comisión de investigación solicitada polas nacionalistas o 1 de outubro de 2012 que, entre o seus cometidos, estaba fiscalizar a contabilidade da ORA e do guindastre e investigar o procedemento de adxudicación desta concesión.

O BNG afirma que a medida que avanza a instrución e se coñecen máis tomos do sumario da operación Pokémon, máis queda en evidencia o Sr. Negreira por non constituír a comisión de investigación e por tanto negarse a investigar os servizos da ORA e da retirada de vehículos, tendo en conta que do sumario se desprende que hai unha presunta dobre contabilidade por parte da empresa en relación a estes servizos e que Aduanas sospeite que a ORA se adxudicou cun soborno.

As nacionalistas lembran que solicitaron en pleno, o 1 de outubro de 2012, a través dunha moción, a constitución dunha comisión de investigación sobre as concesións outorgadas ao grupo Vendex, especialmente das que prestan os servizos da ORA e do guindastre, que entre os seus cometidos, ademais de investigar e depurar responsabilidades políticas, estaba coñecer na súa integridade e de maneira moi exacta como eran os procedementos administrativos de outorgamento das concesións e como era a contabilidade dos servizos destas empresas. Moción que non foi adiante porque o Partido Popular se opuxo.

O BNG pregúntase a que agarda Negreira para constituír a comisión de investigación da ORA