O BNG preguntará en pleno cal é o abeiro normativo do capricho de Negreira na Mariña

O BNG preguntará en pleno cal é o abeiro normativo do capricho de Negreira na Mariña

A Coruña, 29 de xaneiro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG formulará unha pregunta oral na sesión plenaria do luns co fin de coñecer cal é o abeiro normativo do proxecto de urbanización en superficie da Mariña que presentou o pasado venres o alcalde, o Sr. Negreira, e mais o presidente da Autoridade Portuaria, o Sr. Losada. O Bloque, moi crítico con esta obra, considera que este dispendio de cartos públicos responde á megalomanía do Sr. Negreira e á súa insensibilidade, na medida en que non ten en conta a situación de crise que atravesamos na cidade galega en que máis aumentou a pobreza nos últimos anos (o IGE vén de revelar que a taxa de pobreza aumentou un 70% na cidade da Coruña) e na medida en que deixa os barrios (que se deterioran a pasos de xigante) aínda máis excluídos.

O Grupo Municipal do BNG expón que os cartos públicos teñen que destinarse a cubrir as necesidades máis urxentes das persoas, gravemente prexudicadas polas medidas antisociais do PP (repago en medicamentos, en atención a domicilio, suba do prezo da auga, da luz e do bus, recortes en sanidade, educación e servizos sociais...) e a resolver as deficiencias e necesidades básicas que presentan os barrios. Lonxe de facer isto, o Partido Popular destinará unha millonada á zona da Mariña e do Parrote e provocará a eclosión dun centro excluínte (A Mariña e O Parrote) e dunha periferia excluída (os barrios).

O BNG preguntará en pleno cal é o abeiro normativo do capricho de Negreira na Mariña