O BNG pregunta ao Goberno local pola área de influencia do CEIP Salgado Torres

Exterior do CEIP Salgado Torres
O BNG pregunta ao Goberno local pola área de influencia do CEIP Salgado Torres

A Coruña, 3 de marzo de 2016.- O Grupo Municipal do BNG rexistrou varias preguntas para a súa resposta escrita para o próximo Pleno nas que inquire do Goberno municipal sobre as xestións realizadas para poder ampliar a área de influencia do CEIP Salgado Torres.

As nacionalistas presentaron un rogo en outubro do ano pasado no que demandaban ao Executivo local que atenderan á solicitude da ANPA do centro para a ampliación da área de influencia e así poder cubrir a demanda do transporte escolar en Novo Mesoiro

Exterior do CEIP Salgado Torres

Así, o BNG lembra que en outubro do ano pasado presentou un rogo escrito no que solicitaba que o Goberno municipal atendera a solicitude da ANPA do CEIP Salgado Torres que nesa altura comezara unha campaña de recollida de sinaturas demandando que a área de influencia deste centro tamén abranguera o barrio de Novo Mesoiro, e instando a realizar as actuacións oportunas para dar cumprimento a esta demanda.

As nacionalistas informaban nese rogo que a campaña da ANPA viña xustificada por ter o CEIP Salgado Torres un número importante das crianzas dese barrio escolarizadas no centro mais non dispoñen de servizo de transporte escolar até o mesmo cando este está adscrito ao IES Elviña, do mesmo xeito que o CEIP Alborada e o CEIP Manuel Murguía e, asemade, o CEIP Alborada e o CEIP Salgado Torres están na mesma rúa, Pablo Picasso, separados por tan só 300 metros, polo que a demanda, entendía o Bloque, “estaba suficientemente xustificada e non suporía unha modificación substancial da área establecida hoxe en día”.

O BNG constatou, sen embargo, que iniciado en datas recentes o comezo do envío das notificacións de escolarización para as crianzas cos que se inician os procesos de novas matriculacións para o curso 2016-2017, e os procesos de renovación de matriculas para as crianzas xa escolarizadas, as áreas asignadas para cada CEIP, no que se refire aos arriba sinalados, parece ser que non sufriron modificacións con respecto ao ano pasado, polo que veciñanza da zona de Novo Mesoiro, Mesoiro e Feáns púxose en contacto co Bloque para transmitirlle a súa preocupación polo que parece ser outro ano escolar máis sen que o CEIP Salgado Torres teña servizo de transporte escolar para estas zonas.

É por iso que as nacionalistas pregúntanlle ao Goberno municipal se atendeu o propio rogo realizado polo Grupo Municipal do BNG en outubro do ano pasado e que recollía as demandas da ANPA do CEIP Salgado Torres. Do mesmo xeito pregunta, se non se atendeu o rogo, se podería explicar as causas polas que non realizou as actuacións oportunas para dar cumprimento á demanda da ANPA e da veciñanza da zona.

Por último, o BNG pregunta se alén de atender o rogo, o Executivo local pode explicar como quedaría a área de influencia do CEIP Salgado Torres para o curso 2016-2017 e se se vai garantir o servizo de transporte escolar para o CEIP Salgado Torres para os barrios de Novo Mesoiro, Mesoiro e Feáns.

 

Iniciativas presentadas:

O BNG pregunta ao Goberno local pola área de influencia do CEIP Salgado Torres