O BNG pide no Parlamento que a Xunta rexeite a instalación dun desguace de buques na dársena de Oza

O BNG pide no Parlamento que a Xunta rexeite a instalación dun desguace de buques na dársena de Oza

Jorquera, os castros, oza, dársena, desguaceA Coruña, 16 de xaneiro de 2015- O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, acompañado da concelleira María Xosé Bravo, vén de se reunir con representantes da Asociación Veciñal de Oza-A Gaiteira-Os Castros co fin de lles presentar a batería de iniciativas rexistradas polo Bloque no Parlamento de Galiza sobre a instalación dun desguace de buques na dársena de Oza (achéganse xunto á nota de prensa). A iniciativa dos veciños e veciñas, Jorquera rexistrou unha proposición non de lei para que o Parlamento de Galiza rexeite a instalación dun desguace na dársena de Oza polo enorme perigo que provocará esta industria tanto na contorna da praia e do peirao de Oza como para a propia ría do Burgo. Ademais, o portavoz parlamentar do Bloque insta a Xunta de Galiza a reconsiderar a resolución da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental de xeito que, en todo caso, sexa preceptivo un estudo de impacto ambiental.

A maiores, o BNG presentoulle á entidade veciñal as preguntas dirixidas á Xunta de Galiza para saber se non considera que a pretensión de instalar un desguace na entrada da ría do Burgo suporá un incremento da contaminación que xa sofre a ría; para coñecer por que razón resolve que non é preceptivo un estudo de impacto ambiental para autorizar esta instalación e por que desoe as alegacións e recomendacións recollidas no informe emitido polo Concello da Coruña. Ademais, o Jorquera pregúntalle á Xunta se non considera que a implantación desta actividade, sumadas ás xa existentes, será un potencial foco de contaminación; se non considera que este centro pretende instalarse nunha contorno especialmente sensíbel e se é coñecedora de que na contorna desta instalación hai unha praia de grande afluencia que, precisamente, este ano perdeu o seu recoñecemento de bandeira azul pola perda na calidade das súas augas.

Jorquera sinalou ante os representantes da asociación veciñal que a actividade que pretende levar a cabo a empresa Desguaces Lema S.L. é fortemente contaminante e que, ademais, pretende instalarse nunha contorna moi fráxil desde o punto de vista ambiental.

IMGP1003O portavoz parlamentar do BNG lembrou que a 4 de xullo de 2014 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación ambiental da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, iniciou o período de consultas. Sinalou que chama a atención que, segundo a propia resolución da Secretaría Xeral, a Autoridade Portuaria da Coruña non emitise informe, pese a ser consultada. Neste período de consultas, o Concello da Coruña remitiu un informe no que sinala que resulta moi difícil avaliar a eficacia e suficiencia dos medios para minimizar os riscos medioambientais debido ao resumido da documentación aportada.

O Concello da Coruña emitiu un informe no que advertiu dun potencial foco de contaminación nunha contorna especialmente sensíbel

Jorquera apuntou que o propio Concello da Coruña advirte no seu informe ao que tiveron acceso as concelleiras do BNG tras solicitaren consultar o expediente, de que “a implantación de dita actividade, máis que previsibelmente, suporá unha acumulación con outras actividades existentes na dársena de Oza e constituirase como un potencial foco de contaminación nunha contorna especialmente sensíbel, no que xa se inclúe unha praia de grande afluencia que precisamente este ano perdeu o seu recoñecemento de Bandeira Azul pola merma na calidade das súas augas de baño, o que esixiría medidas especiais para a súa implantación, propoñéndose en calquera caso a aplicación do trámite de Avaliación de Impacto Ambiental para o devandito proxecto”.

Malia isto, denunciou Jorquera, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación ambiental, en resolución do 25 de setembro de 2014, resolveu “que non é previsíbel que estas instalacións vaian producir impactos ambientais significativos,… polo que non se considera precisa a tramitación prevista na sección 1ª do capítulo II da Lei de Avaliación do Impacto Ambiental”.

O BNG pide no Parlamento que a Xunta rexeite a instalación dun desguace de buques na dársena de Oza