O BNG participa esta tarde na concentración contra a LOMCE e pola defensa do ensino público

O BNG participa esta tarde na concentración contra a LOMCE e pola defensa do ensino público

A Coruña, 31 de xaneiro de 2013.- O BNG da Coruña participará esta tarde na mobilización convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público contra a mal chamada Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa, unha lei que recupera as reválidas dos anos 60, reforzará a relixión e centralizará o ensino. A concentración, á que asistirán cargos orgánicos e institucionais do BNG, con militantes e simpatizantes, terá lugar ás 19.30h na Praza de Pontevedra.

Precisamente, o Grupo Municipal do BNG presentou unha moción para o seu debate no Pleno ordinario do luns en que solicita a retirada do anteproxecto da LOMCE e no que insta a Corporación Municipal a adherirse ao Manifesto aberto na defensa do ensino público galego. A iniciativa tamén empraza os grupos municipais a apoiar a folga estudantil convocada para o 6 de febreiro contra este proxecto de lei e en defensa do ensino público.

As nacionalistas advirten de que a LOMCE representa unha involución ao modelo fracasado do franquismo e supón a imposición dun modelo educativo sectario e elitista. Trátase, salientan, da plasmación da ideoloxía do Partido Popular no ensino: menos público, menos democrático, menos galego e cunha menor calidade. Nesta liña, o BNG da Coruña considera con esta Lei o PP pretende privatizar e elitizar o ensino, españolizalo, recentralizalo e cedelo en exclusiva ao poder da Igrexa Católica.

Reválidas para limitar o acceso á universidade, cheque en branco para a Igrexa e centralización

A contrarreforma do ministro Wert recupera as reválidas dos anos 60, no remate do sexto curso de primaria, de 4º da ESO e de 2º de Bacharelato, co fin de pórlle trabas á promoción e de limitar ao máximo o acceso á universidade. Estas reválidas serán corrixidas por profesorado alleo ao centro e os contidos e os criterios de avaliación serán determinados en exclusiva polo Ministerio de Educación.

Pola outra banda, a LOMCE reforza o horario da relixión, garantirá que a materia de relixión chegue ao Bacharelato e teña como alternativa unha materia forte e avaliábel para garantir así o máximo número de matriculacións. Así, a materia de relixión terá o mesmo peso que, entre outros, filosofía e terá unha maior consideración que, por exemplo, a lingua e a literatura galega.

Ademais, a LOMCE centralizará o ensino, convertendo a Xunta de Galiza nunha mera executora das decisións que desde o Goberno central se tomen. Perderanse, así, todas as competencias que estatutariamente ten reservadas a administración galega en materia de educación.

O BNG participa esta tarde na concentración contra a LOMCE e pola defensa do ensino público