O BNG levará ao Parlamento galego o recorte do PP nas prazas de comedor do centro de xordos

O BNG levará ao Parlamento galego o recorte do PP nas prazas de comedor do centro de xordos

A Coruña, 29 de setembro de 2013.- O BNG levará ao Parlamento galego unha batería de iniciativas sobre o recorte de prazas de comedor do Centro Público de Educación de Xordos, centro ao que, até o pasado curso, acudía a comer cada día o alumnado dos colexios Ramón de la Sagra, María Pita e Otero Pedrayo. A Xunta de Galiza recortou 50 das 79 prazas que posuía este comedor, sen explicación de ningún tipo ás familias, que a semana pasada mantiveron unha reunión coa concelleira nacionalista María Xosé Bravo.

A edila do BNG pon de manifesto que “non se lle pode chamar aforro nin redución a deixar as persoas sen servizos e a privalas da integración”. E é que amais da supresión de prazas de comedor, María Xosé Bravo salienta o labor de integración que cumpría este espazo, ao compartiren comedor nenos con necesidades especiais con nenos normo-oíntes. Advirte a nacionalista de que recortar estas prazas provocará acabar con anos de traballo en materia de integración e convivencia.

María Xosé Bravo reclama a implicación do Goberno municipal e cuestiona o papel do edil de Educación, que se mantén “escapado” deste conflito. Tamén critica a política antieducativa do Partido Popular, que prefire financiar colexios que segregan por sexo, caso do Montespiño e do Peñarredonda, antes que ofertar prazas en comedores para o alumnado. Lembra a nacionalista que Finlandia, número 1 en educación, segundo o informe PISA, do que tanto fala o Partido Popular, conta con comedores escolares públicos en todos os centros de ensino.

O BNG levará ao Parlamento galego o recorte do PP nas prazas de comedor do centro de xordos