O BNG insiste en reclamar a diversificación da produción da fábrica de armas ao eido civil

O BNG insiste en reclamar a diversificación da produción da fábrica de armas ao eido civil

A Coruña, 20 de febreiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG insiste en apostar pola diversificación da produción da fábrica de armas ao eido civil. Trátase dun paso fundamental, sinalan as nacionalistas, para garantir a viabilidade da planta.

Ademais, o Grupo Municipal do BNG non comparte, en absoluto, as declaracións do delegado do Goberno en Galiza, o Sr. Juarez, quen asegurou que o Ministerio de Defensa non tiña nada que dicir ao ser unha decisión que incumbe a empresa no ámbito da súa actividade. As nacionalistas salientan que o Goberno central non pode lavarse as mans porque ten a obriga de garantir a continuidade da compañía, dados os compromisos adoptados por General Dynamics co Goberno central cando tivo lugar a venda da Empresa Nacional Santa Bárbara. E é que aínda que agora é unha compañía privada, a venda da Empresa Nacional Santa Bárbara a General Dynamics fíxose pactando unhas condicións: o mantemento de carga de traballo e a viabilidade industrial da fábrica, asentada en terreos propiedade do Ministerio de Defensa.

O Grupo Municipal do BNG reclama o cumprimento do aprobado no Parlamento de Galiza, por unanimidade e a instancias do BNG, en abril de 2005: o cumprimento do contrato de Defensa, o cumprimento das obrigas asumidas por General Dynamics na adquisición da Empresa Nacional Santa Bárbara en todo o que atinxía a cargas de traballo, novos contratos e investimentos tecnolóxicos e garantir a continuidade da aábrica de Armas, en colaboración coa Xunta de Galiza cun plan de futuro, sólido e fiábel que asegurase a diversificación da produción e achegase nova carga de traballo e, en todo caso, o mantemento do actual nivel de emprego.

O BNG insiste en reclamar a diversificación da produción da fábrica de armas ao eido civil