O BNG insiste en que os tres aeroportos operen en igualdade e complementariedade

O BNG insiste en que os tres aeroportos operen en igualdade e complementariedade

A Coruña, a 20 de marzo de 2013-. O Grupo Municipal do BNG reitera que a solución á parálise que sofre o aeroporto de Alvedro non pasa polas axudas públicas ás aeroliñas, senón por artellar un sistema aeroportuario galego en que os tres aerportos operen en igualdade, complementariedade e cooperación. Urxe que o alcalde da Coruña lle esixa á Xunta de Galiza que lle solicite ao Goberno central o traspaso de competencias aeroportuarias a Galiza. Só así, entenden as nacionalistas, Galiza sairá da condición periférica na que o modelo aeroportuario español a mantén sumida e só así se garantirá a viabilidade de Alvedro.

Sobre a rolda de prensa en que a Sra. Cid anunciou, por segunda vez, a chegada de Air Europa ao aeroporto da Coruña, o Grupo Municipal do BNG, que se refire ao anuncio como un “deja vu”, espera que desta vez se consume o prometido polo Goberno municipal. De feito, lembra que a Sra. Cid deu a mesma rolda de prensa desta mañá no pasado mes de novembro. As nacionalistas insisten en pedirlle ao Goberno do Sr. Negreira prudencia, tendo en conta a espantada da propia Air Europa e de Turkish Airlines.

Polo de agora, a páxina web da propia aeroliña e os portais de viaxes informan de que Air Europa non opera en Alvedro e non permiten comprar ningún billete. Porén, as nacionalistas esperan que, finalmente, a compañía aérea voe desde A Coruña co fin de romper a caste de monopolio que mantén Iberia e de que descendan os prezos dos billetes. E é que voar desde Alvedro é un 65% máis caro que voar desde Lavacolla e desde Peinador.

O BNG insiste en que os tres aeroportos operen en igualdade e complementariedade