O BNG empraza o alcalde a cumprir a moción para a anulación das quitas ás preferentes e subordinadas

O BNG empraza o alcalde a cumprir a moción para a anulación das quitas ás preferentes e subordinadas

A Coruña, 11 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG salienta que en aplicación da moción das nacionalistas sobre as preferentes, aprobada por unanimidade no Pleno ordinario de xuño, a Alcaldía ten a obriga de lle esixir ao Goberno central a modificación da Lei 9/2012, de 14 de novembro, de reestruturación e resolución de entidades de crédito, co fin de anular as quitas ás participacións preferentes e subordinadas.

O Grupo Municipal do BNG empraza o Sr. Negreira a actuar, de inmediato, para evitar este roubo que sufrirán as persoas estafadas. E é que o FROB vén de revelar que a quita total ás preferentes aumentará do 39% ao 64%. No caso das subordinadas perpetuas, a quita aproximarase ao 45%, mentres que a débeda con vencemento afrontará unha perda do 22,4%.

As nacionalistas salientan que a solución xusta á estafa das preferentes é doada: hai que modificar a lei, tal e como aprobou o Pleno da Corporación municipal a instancias do BNG, para garantir a devolución íntegra dos aforros, sen rebaixas nin descontos de ningún tipo, en cartos líquidos e non en produtos financeiros. Engaden que a quita supón unha expropiación forzosa a través da que o Partido Popular, que é o mesmo que na Coruña lles dá as palmadiñas nas costas ás persoas estafadas, lles fai pagar ás vítimas os abusos da banca.

Acordo adoptado por unanimidade en base á moción do BNG

A moción do BNG aprobada por unanimidade en Pleno e que o alcalde ten a obriga de cumprir contempla estes acordos:

1. Pleno da Corporación Municipal da Coruña fai súa a proposición de reforma da Lei 9/2012, de 14 de novembro, de reestruturación e resolución de entidades de crédito, para garantir a devolución íntegra do valor nominal das participacións preferentes e outros instrumentos híbridos de capital e débeda subordinada aos aforradores e pequenos investidores sen experiencia financeira, aprobada por unanimidade das forzas políticas con representación no Parlamento de Galiza, o día 28 de maio de 2013.

2. Pleno da Corporación Municipal da Coruña empraza o Congreso dos Deputados a modificar a Lei 9/2012, de 14 de novembro, de reestruturación e resolución de entidades de crédito, que estabelece a quita ás persoas aforradoras que foron estafadas na fraude das preferentes e subordinadas, en base á proposición de lei debatida no Congreso dos Deputados o 28 de maio de 2013.

3. Pleno da Corporación Municipal da Coruña adoptará as medidas oportunas para instar a todas as Administracións a adoptar unha solución satisfactoria ao problema descrito da colocación de participacións preferentes e débeda subordinada entre pequenos aforradores, que debe pasar pola devolución íntegra do nominal investido nestes títulos, sen que se apliquen rebaixas ou descontos de ningún tipo.

O BNG empraza o alcalde a cumprir a moción para a anulación das quitas ás preferentes e subordinadas