O BNG denuncia o despropósito da obra do aparcadoiro das Conchiñas

O BNG denuncia o despropósito da obra do aparcadoiro das Conchiñas

A Coruña, 21 de febreiro de 2015- Coincidindo coa inauguración do aparcadoiro das Conchiñas, o Grupo Municipal do BNG denuncia o despropósito destas obras, que sufriron un cambiazo de última hora na Xunta de Goberno Local de 6 de febreiro deste ano, para aumentar o número de prazas en 42 cando, na realidade, non existe tal demanda da veciñanza, e acrecentar nun millón de euros máis o orzamento de execución.

Co cambiazo, na outorgación da licenza de reformado e ampliación do aparcadoiro, o Goberno Local alterou de xeito significativo as condicións da infraestrutura respecto do licitado e adxudicado. En concreto modificouse a superficie total construída, pasando a ser de 6.893,93 m2 (antes era de 5.421 m2), o número de prazas de estacionamento, pasando a ser de 227 (antes era de 185), e o orzamento de execución material, pasando a incrementarse en máis de un millón, concretamente 2.574.566 euros (antes era de 1.533.278 euros).

As nacionalistas insisten en que a suposta demanda deste equipamento por parte da veciñanza, que argumentou o Partido Popular para a súa construción, e tamén para a súa posterior ampliación, non ten correspondencia coa demanda real. Lembran que nos pregos de explotación do aparcadoiro (finais de novembro de 2014) recollíase que tan só foran vendidas 57 prazas.

O Grupo Municipal do BNG advirte de que o despropósito da obra é tal que foi realizada con investimento público, a través da empresa pública municipal EMVSA (empresa cunha situación económica delicada) para que sexa unha empresa privada con ánimo de lucro quen explote o aparcadoiro.

Por último, as nacionalistas sinalan que o aparcadoiro no barrio só beneficia as persoas que teñen recursos económicos e non vai resolver os problemas de conxestión de tránsito e estacionamento existentes na Agra.

O BNG denuncia o despropósito da obra do aparcadoiro das Conchiñas