O BNG defende facilitar as expropiacións para a instalación de ascensores

O BNG defende facilitar as expropiacións para a instalación de ascensores

A Coruña, 16 de abril de 2015- O Grupo Municipal do BNG anuncia a presentación dunha iniciativa para lle trasladar ao Goberno do Sr. Negreira o acordo adoptado por unanimidade no Parlamento de Galiza para facilitar as expropiacións para a instalación de ascensores nas vivendas. A proposición non de lei, aprobada na Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, o 5 de marzo de 2015, é froito do traballo do BNG e nela emprázase a Xunta a promover “os cambios legais necesarios para facilitar a realización das obras necesarias para garantir a accesibilidade nos edificios de vivendas e, en particular, a instalación de ascensores”.

En base á aprobación da proposición non de lei do BNG, as nacionalistas non entenden a postura do Goberno do Sr. Negreira, quen despois de suspender a tramitación das solicitudes de expropiacións condiciona agora a aprobación da subvención municipal para a instalación de ascensores a que no prazo de dez días os propietarios constaten que van presentar unha demanda xudicial (en caso de ausencia de acordo cos propietarios dos baixos).

Neste contexto, o BNG anuncia que lle reclamará ao Goberno do Sr. Negreira a través dunha iniciativa que deixe de apremiar as persoas afectadas e que lles conceda máis tempo. As nacionalistas aproveitarán a iniciativa para trasladarlle ao Goberno municipal a proposición non de lei aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza.

A Agra do Orzán, o barrio máis afectado

Na proposición de lei aprobada, o BNG sinalaba a importancia de facilitar as expropiacións na Coruña, unha cidade cun modelo de urbanismo especulativo fixo que nos anos 50 e 60 se construiran barrios enteiros con edificios de cinco, ou incluso máis andares, carentes de ascensor. O caso da Agra do Orzán é o máis representativo, xa que no barrio viven máis de 30.000 habitantes en edificios que, na súa meirande parte, carecen de elevador.

Precisamente, o portavoz do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera, e a concelleira María Xosé Bravo reuníronse no mes de febreiro coa directiva da AVV da Agra do Orzán e con veciños e veciñas do barrio para lles presentar a batería de iniciativas parlamentares encamiñadas a promover a expropiación para a instalación dos ascensores nas vivendas. E é que para o BNG a mobilidade é un dereito que implica a real posibilidade dunha persoa de ingresar, transitar ou permanecer nun lugar de xeito seguro, confortábel e autónomo, circunstancia que non se produce na meirande parte dos edificios da Agra, nos que moran persoas de avanzada idade ou con problemas de mobilidade.

O BNG defende facilitar as expropiacións para a instalación de ascensores