O BNG defende eliminar as touradas da Coruña

O BNG defende eliminar as touradas da Coruña

A Coruña, 4 de agosto de 2013.- O BNG e Galiza Nova participaron no día de hoxe na manifestación convocada por Galiza, Mellor sen Touradas contra a feira taurina que está a ter lugar na Coruña, unha feira subvencionada pola porta de atrás polo Goberno municipal. Entre os asistentes á mobilización antitouradas atopábanse o portavoz do BNG no Parlamento de Galiza, Francisco Jorquera, e as concelleiras nacionalistas, que advertiron de que as touradas non son cultura e que só se poden cualificar de “barbaridade”. Asemade, engadiron que “non teñen nada que ver coa cultura galega”.

Pola súa banda, Jorquera sinalou que desde o BNG “seguiremos traballando até que consigamos ter unha cidade e un país libre de touradas”. O portavoz nacionalista condenou o malgasto público realizado polo Concello o ano pasado, 90.000 euros tirados nas touradas. Jorquera puxo de manifesto que os fondos públicos destinados a este espectáculo cruel terían mellor destino se fosen empregados en servizos sociais e en fomento do emprego.

O portavoz do BNG aludiu a principios de respecto, protección e defensa dos seres vivos e advertiu de que o debate social sobre a necesidade de erradicar no territorio galego as touradas, como xa acontece en Cataluña e Francia, está aberto.

O BNG defende eliminar as touradas da Coruña