O BNG cuestiona un novo contrato de Emalcsa por un importe de 400.000€

O BNG cuestiona un novo contrato de Emalcsa por un importe de 400.000€

A Coruña, 11 de outubro de 2014- O Grupo Municipal do BNG cuestiona un novo contrato mixto de servizos e subministro de Emalcsa por un importe de 330.578,51 euros, que acada os 400.000 euros co IVE incluído. Trátase da “Compra pública innovadora de servizos de Bio Tecnoloxía dentro do proxecto Coruña Smart City cofinanciado co programa operativo FEDER 2012-2013”, en outras palabras, a elaboración dun estudo para detectar fugas de auga e localizalas mediante o ruído, labor que vén desenvolvendo a propia Emalcsa desde hai 100 anos.

No prego de prescricións técnicas para esta contratación, cuxo prazo de execución é de 10 meses, fálase da “adquisición do coñecemento necesario para desenvolver o piloto de Biotecnoloxía” e o procedemento divídese en dúas fases: na primeira delas, valorarase o informe do Director de Proxecto con até 75 puntos, a valoración económica con até 10 puntos e a valoración de melloras con até 15 puntos e na segunda fase valorarase o Informe de Dirección de Proxecto con até 100 puntos.

O BNG entende que se trata dunha xustificación para darlle contido á operación publicitaria da “Smart City”

Á vista do discurso baleiro de contido do prego de cláusulas administrativas e técnicas, o Grupo Municipal do BNG entende que a contratación deste novo estudo por 400.000 euros responde á busca dunha xustificación para tratar de dotar de sentido a operación propagandística da “Smart City” e ter en que gastar os cartos. A falta de xustificación e de ideas para gastar os investimentos millonarios da chamada “cidade intelixente” vén ratificarse coas palabras do subdirector xeral de Fomento da Innovación quen, en declaracións a un medio de comunicación o pasado venres, 10 de outubro, a raíz da xornada organizada no Muncyt por Emalcsa no marco da “Smart City”, sinala que “tendremos una burrada de dinero para inventar cosas”.

Na mesma liña, as nacionalistas indican que só é necesario ler as 27 e 38 páxinas do prego administrativo e do prego técnico –cheos de reclamos publicitarios e eslógans- para se decatar de que este estudo contratado por Emalcsa por 400.000 euros, máis propagandístico que de interese xeral, é un novo exemplo de que o Goberno do Sr. Negreira non sabe o que quere e malgasta en aplicacións, dispositivos e sistemas que nada teñen a ver coa redución das desigualdades sociais nin coa calidade de vida da veciñanza.