O BNG cualifica a sentenza do Prestige de “inxusta, lamentábel e feita ao ditado do PP”

O BNG cualifica a sentenza do Prestige de “inxusta, lamentábel e feita ao ditado do PP”

bieitoA Coruña, 13 de novembro de 2013.- Nada máis ter coñecemento da lectura do fallo do Prestige, que exculpa o Estado español da catástrofe, o secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira, puxo de manifesto, en declaracións aos medios, que “hoxe, 13 de novembro de 2013, once anos despois da catástrofe do Prestige, podemos comprobar como o pobo galego, ademais de estar por diante do Goberno español e das Administracións, está por riba dun aparello xudicial que emite unha sentenza inxusta, lamentábel e pobre xuridicamente, unha sentenza feita ao ditado dos intereses poder político e do Partido Popular”.

O secretario de Organización do BNG, que presenciou a lectura da sentenza acompañado do membro da Executiva Nacional, Rafa Vilar, e do portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, cualificou de contraditoria a sentenza, “pois vén admitir que, á marxe do director da Mariña Mercante, as decisións claves foron adoptadas por parte dos máis altos responsabéis políticos que, lamentabelmente, non estiveron sentados no banquillo dos acusados”. Nesta liña, advertiu de que as decisións adoptadas polos altos cargos políticos do PP non foron contrastadas a nivel técnico nin medio ambiental e subliñou que, con esta sentenza, “estes altos cargos políticos vanse ver avalados para volver tomar as mesmas decisións en caso de que se produzan feitos semellantes”.

Bieito Lobeira sinalou que, 11 anos despois da catástrofe do Prestige, decisións claves para Galiza, como as relativas ao salvamento marítimo, “seguen a ser adoptadas desde Madrid e non desde o noso país” e defendeu que “Galiza ten que ter poder político e competencias para xestionarmos desde aquí os nosos propios problemas, máxime tendo en conta que somos o país con maior taxa de sinistralidade por mareas negras de toda Europa”.

O BNG salienta o comportamento exemplar e a lección de dignidade do pobo galego e de Nunca Máis

DSCF3669A continuación, o secretario de Organización do BNG, que acusou o sistema xudicial de utilizar a Mangouras como “o auténtico cabeza de turco, empregando o manual de Angrois en que se culpa o maquinista do grave accidente”, enxalzou a loita do pobo galego. Así, fixo un recoñecemento expreso ao conxunto do pobo, que “tivo un comportamento exemplar e que deu unha lección de dignidade, enfrontando os efectos máis inmediatos do desastre do Prestige” e salientou a “loita e reivindicación constantes durante meses para reclamarlle aos responsábeis políticos do accidente xustiza para o noso país”. “O conxunto do pobo galego demostrou estar moi por riba dos responsábeis políticos tanto en Galiza como en Madrid, e iso é algo que desde o BNG queremos agradecer e recoñecer expresamente”, engadiu.

Tamén puxo en valor o papel desenvolvido pola plataforma Nunca Máis, alma mater do movemento cidadán de loita e reivindicación, que se concentrou na mañá de hoxe ás portas do TSXG. Afirmou que “o seu labor incansábel fixo posíbel que, cando menos, se sentara no banquillo dos acusados un dos responsábeis directos da toma de decisións, como López Sors”. “Non están nin moito menos os que son, pero se López Sors estivo no banquillo dos acusados foi grazas á loita reivindicativa de Nunca Máis, que chegou a ser virulentamente cuestionada e mesmo calumniada por diferentes personaxes do PP”, apuntou.

Por último, Bieito Lobeira salientou que “a xustiza, para ser xusta, non pode tardar nada menos que once anos e ditar sentenza por uns feitos que conmocionaron o noso país e que causaron unha catátrofe medio-ambiental sen precedentes, así como unhas gravísimas consecuencias económicas, en particular no sector pesqueiro”.

O BNG cualifica a sentenza do Prestige de “inxusta, lamentábel e feita ao ditado do PP”