O BNG considera sospeitoso que aínda se descoñeza a orixe das verteduras na ría

O BNG considera sospeitoso que aínda se descoñeza a orixe das verteduras na ría

A Coruña, 7 de abril de 2015.- O Grupo Municipal do BNG considera realmente sospeitoso que cos medios e recursos cos que conta o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galiza, a propia Xunta e a Autoridade Portuaria aínda non se coñeza a orixe das recorrentes verteduras na ría, máxime cando no día de onte se abriu ao marisqueo. As nacionalistas non entenden como sendo as verteduras de tal calibre que levan a pechar a ría as autoridades non asumisen responsabilidades nin actuasen coa dilixencia e urxencia que o caso merece.

O Grupo Municipal do BNG lembra que a formación nacionalista levou a toda canta institución puido –Concello da Coruña, Parlamento galego, Congreso dos Deputados, Parlamento europeo, Autoridade Portuaria e Fiscalía- a denuncia das excesivamente frecuentes verteduras de hidrocarburos nunha ría xa de por si contaminada. Porén, ningunha destas institucións fixo aínda nada ao respecto nin deu explicacións de ningún tipo. De feito, no Pleno municipal ordinario de abril (que tivo lugar o pasado mércores), o Goberno do Sr. Negreira renunciou a poñerse á fronte do problema e a defender os intereses dos traballadores e traballadoras do mar, os máis prexudicados polas verteduras. O desleixo do Goberno do Sr. Negreira foi tal que a moción presentada polo BNG nin sequera foi debatida.

O Bloque Nacionalista Galego seguirá a demandar a adopción das medidas oportunas para que se esclareza a procedencia das verteduras, para atallar os episodios de contaminación que están a producir na ría e para que se artellen mecanismos eficaces de control para que non volva ter lugar ningunha vertedura de semellantes características. Ademais, o Bloque continuará loitando por lograr que o saneamento e a rexeneración integral da ría do Burgo sexa unha realidade.

O BNG considera sospeitoso que aínda se descoñeza a orixe das verteduras na ría