O BNG chama á rebelión cívica en defensa da sanidade pública e do COF

O BNG chama á rebelión cívica en defensa da sanidade pública e do COF

A Coruña, 26 de xuño de 2013.- O Bloque Nacionalista Galego da Coruña chama á rebelión cívica na xornada de loita pola sanidade pública, que terá lugar mañá, xoves, 27 de xuño, con mobilizacións convocadas pola Plataforma SOS Sanidade Pública ao longo de todo o país. Na Coruña, a concentración terá lugar ás 20h no Obelisco. As nacionalistas advirten de que é fundamental saírmos á rúa fronte ás políticas do PP, que ten posto o acelerador no desmantelamento da sanidade pública galega. Advirten de que os recortes en persoal, materiais, formación e investimentos están a ter unha gravísima repercusión na prestación dos servizos sanitarios e provocan o deterioro asistencial, con peche de camas, colapsos das urxencias, sobrecarga laboral do persoal sanitario e aumento das listas de espera.

O BNG denuncia que a Lei de garantía de prestación sanitaria impulsada polo PP descapitalizará o sistema público facilitándolles aos centros privados a provisión de servizos con diñeiro público. Así, unha parte do xa escaso orzamento público destinado á sanidade desviarase aos centros privados. Alerta o BNG de que A Xunta de Galiza vai converter os pacientes en financiadores da sanidade privada, xa que estamos diante dun cambio de modelo onde a sanidade privada xa non se considera complementaria, senón en igualdade de condicións que a pública.

O principal obxectivo desta lei do PP, denuncia o BNG, non é outro que drenar doentes e recursos para a sanidade privada. O PP, salientan os nacionalistas, pretende lexislar para consolidar o que vimos denunciando desde hai tempo: desviar á sanidade privada as patoloxías, os tratamentos e as persoas doentes máis rentabeis e deixar para a pública a parte máis costosa. Estamos diante dunha sanidade de primeira para quen a poida pagar e os que non poidan seguirán na lista de espera. O criterio económico, alerta o BNG, vai ser o fundamental á hora de drenar pacientes para a sanidade privada.

En defensa dos centros de orientación familiar da cidade e por unha rede de atención á drogodependencia

Ademais de alertar sobre os efectos nocivos da lei impulsada polo PP, as nacionalistas advirten do ataque aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, co desmantelamento dos centros de orientación familiar (COF), coa modificación da lei do aborto e co pago obrigado, a partir de agosto, dos anticonceptivos.

Nesta liña, o BNG empraza o SERGAS a garantir a atención sanitaria ás mulleres nos dous COF da Coruña. Así, as nacionalistas avogan por trasladar a xinecóloga que está a prestar atención sanitaria no Hospital Materno Infantil dúas tardes á semana ás instalacións do COF do Ventorrillo e que aumente o seu horario a tempo completo para garantir unha atención integral á saúde sexual e reprodutiva das mulleres.

As nacionalistas tamén chaman a cidadanía a se mobilizar contra o desmantelamento da rede de atención á drogodependencia. Nun momento de dificultade económica, onde todos os indicadores mostran que hai un aumento do consumo e que se dá un aumento das persoas afectadas máis persoas sin recursos, o PP condea moitas persoas á exclusión e á marxinalidade.

O BNG chama á rebelión cívica en defensa da sanidade pública e do COF