O BNG chama á participación masiva na manifestación nacional en defensa do aborto

O BNG chama á participación masiva na manifestación nacional en defensa do aborto

A Coruña, 15 de xuño de 2013.- A responsábel comarcal de Acción Feminista do BNG, Vitoria Louro, chama a cidadanía a participar na manifestación nacional de mañá, domingo, en defensa do aborto, manifestación convocada pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, da que forma parte a formación frontista, e que sae ás 17h da estación de tren de Santiago de Compostela.

Vitoria Louro acusa o Partido Popular de querer voltar á hipocrisía e á falsidade e de querer que as mulleres vaian ao cárcere se son denunciadas por abortar. Na mesma liña, sinala que o PP fai uso partidista dunha lei que lles compete aos dereitos e decisións das mulleres e critica que este partido neoliberal defenda o dereito á vida cando non a está garantindo coas políticas de asfixia social que aplica.

A responsábel de Acción Feminista do BNG lembra que baixo o lema “O noso corpo, a nosa decisión. Aborto libre e gratuíto”, as nacionalistas iniciaron unha campaña nacional en defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres que garantan a capacidade das mulleres de decidir sobre os seus corpos e o acceso gratuíto á interrupción voluntaria do embarazo na sanidade pública.

Vitoria Louro salienta que o BNG quere transmitirlle á cidadanía a necesidade de defender os dereitos que historicamente as mulleres conquistaron e a exixencia de que as mulleres que o así decidiren poidan realizalos en condicións dignas e cunhas garantías sanitarias óptimas. A proposta de reforma do PP, avalada e impulsada de xeito entusiasta pola Conferencia Episcopal e por organizacións ultracatólicas e integristas, responde a posicións ideolóxicas da dereita máis reaccionaria que ataca os dereitos das mulleres e nega o control das súas vidas e dos seus corpos. Advirte Vitoria Louro que existe, tamén, un forte compoñente económico que acompaña á idea de que as mulleres deben regresar aos papeis tradicionais de nais e coidadoras, de tal maneira que se faga recaer nelas todos os servizos que o Estado deixa de prestar co desmantelamento dos servizos públicos.

A nacionalista apela a darmos unha resposta contundente para evitar unha proposta que pretende levar a lexislación en materia de interrupción voluntaria do embarazo aos supostos de despenalización de 1985. Por iso o BNG aposta pola mobilización na rúa e polas iniciativas nas institucións. Para dar resposta aos ataques do PP aos dereitos das mulleres e para defender a alternativa dun aborto libre e gratuíto na sanidade pública, a responsábel de Acción Feminista do BNG na comarca da Coruña fai un chamamento para saírmos á rúa, homes e mulleres, convencidas da necesidade de nos rebelarmos contra as decisións que nos queren impoñer contra a nosa vontade.

O BNG chama á participación masiva na manifestación nacional en defensa do aborto