O BNG calcula que as festas de María Pita superaron os 2 millóns de euros

O BNG calcula que as festas de María Pita superaron os 2 millóns de euros

festasA Coruña, 26 de agosto de 2014.- O Grupo Municipal do BNG está á espera de consultar o expediente que obra no IMCE sobre as festas de María Pita 2014 –solicitou acceso a semana pasada- co fin de poder coñecer os datos pormenorizados dos gastos. Porén, á espera de coñecer as cifras gastadas polo IMCE con exactitude, as nacionalistas estiman que os gastos das festas de María Pita 2014 superan, con creces, os dous millóns de euros, tendo en conta as cifras das festas de 2013 e que o propio Goberno municipal admitiu que incrementara o orzamento para as festas de María 2014.

O Bloque lembra que o pasado ano o Goberno local contabilizara en 1,3 millóns os gastos que o IMCE destinou ás festas de María Pita (cifra que, en declaracións aos medios, a concelleira de Cultura rebaixou onte a 1,2 millóns), unha cantidade que foi desmontada polas nacionalistas ao ter acceso ao expediente deste departamento municipal, que revelaba que só o IMCE gastara nestas festas 1,8 millóns. A esta cantidade habería que sumarlle os custos das facturas de publicidade pagadas mediante resolucións de Alcaldía, os programas das festas (editados en dous formatos) e os gastos, entre outros, do Consorcio para a Promoción da Música, da Escola Municipal de Música e da Banda Municipal de Música. De aí que as nacionalistas cifraran nos 2 millóns os gastos das festas de 2013.

A Conta Xeral revela que en 2013 o Concello gastou 3,5 millóns en festas en detrimento da actividade cultural

O Grupo Municipal do BNG cualifica como obsceno o gasto do Concello da Coruña en festas. E é que só en 2013, tal e como revela a Conta Xeral, o Goberno do Sr. Negreira gastou en festas 3.560.130 euros, cartos aos que aínda habería que sumarlles todas as cantidades que achegan outros departamentos municipais e concellarías.

Estes 3,56 millóns gastados polo Goberno do Sr. Negreira vampirizan o orzamento da Concellaría de Cultura, ao detraer cartos para as bibliotecas, museos científicos e actividade cultural. Chama a atención o aumento progresivo do total de gastos do IMCE desde que goberna o Partido Popular e en plena época de crise. Mentres no 2011, último ano do anterior goberno, se gastaron 4,76 millóns, o PP gastou 5,20 millóns no 2012 e no 6,55 no 2013. E isto, salientan as nacionalistas, para cebar a política de pouco pan e moito circo do Sr. Negreira.

O BNG calcula que as festas de María Pita superaron os 2 millóns de euros