O BNG alerta do incumprimento da nova ordenanza de terrazas

O BNG alerta do incumprimento da nova ordenanza de terrazas

A Coruña, 26 de novembro de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira presentou unha batería de preguntas para a resposta escrita sobre o incumprimento da nova ordenanza municipal que regula a instalación de terrazas en espazos públicos. E é que varias persoas se puxeron en contacto co BNG para denunciar o incumprimento, especialmente no que se refire ao horario nocturno, desta normativa.

Na iniciativa, a edila nacionalista advirte de que as múltiples chamadas de veciños e veciñas á policía local ficaron sen efecto ningún sobre os reiterados incumprimentos da normativa por parte dalgúns hostaleiros. Avia Veira sinala que nos casos denunciados por veciños e veciñas non se seguiu o procedemento sancionador nin administrativo recollido na normativa.

Como resultado disto, malia as visitas da policía local, os incumprimentos seguen a producirse, salienta a concelleira do BNG, tanto no que se refire aos horarios como no que ten a ver coa instalación de terrazas sen autorización previa.

Así, nas preguntas escritas, Avia Veira interésase polo motivo que leva a Administración a non actuar para facer cumprir a nova ordenanza de terrazas. Tamén pregunta por que o Goberno do Sr. Negreira permite que se incumpra a citada normativa e que motivos ten pensado desenvolver para facer que toda a hostalaría da cidade cumpra coa ordenanza que se vén de elaborar e de aprobar.

A maiores, o Grupo Municipal do BNG formulará unha pregunta oral sobre a aplicación da normativa das terrazas no vindeiro pleno ordinario de decembro.

O BNG alerta do incumprimento da nova ordenanza de terrazas