O BNG-AA incluirá no programa máis de 20 propostas para mellorar Eirís

O BNG-AA incluirá no programa máis de 20 propostas para mellorar Eirís

EIRÍS 1A Coruña, 6 de abril de 2015.- A última recalada da caravana de #TodasAsCoruñas tivo lugar na tarde de hoxe en Eirís, onde a candidatura do BNG-Asembleas Abertas recolleu máis de 20 propostas co fin de pór en valor o barrio.

O cabeza de lista do BNG-AA, Xosé Manuel Carril, explicou en declaracións aos medios que a necesidade de completar e mellorar a rede de saneamento e sumidoiros é unha das demandas máis salientábeis do barrio, onde existen vivendas que carecen deste servizo elemental. Alén diso, o candidato nacionalista tamén fixo mención á necesidade de mellorar o servizo de transporte público urbano, xa que o barrio se atopa a día de hoxe nunha situación de illamento. Neste sentido, Carril sinalou que o BNG-AA incluirá no programa electoral unha serie de medidas en materia de autobús público que comunique Eirís co CHUAC e que permita unha conexión áxil cos Castros, amais de cos puntos estratéxicos da cidade. Ademais, a petición da veciñanza, o programa electoral dos e das nacionalistas apostará por incrementar as frecuencias das liñas metropolitanas dos buses.

EIRIS 2Entre as propostas salientadas por Carril tamén se atopa o apoio e promoción da aldea de Eirís como área verde da cidade, así como a recuperación do patrimonio cultural material e inmaterial do lugar, a limpeza e control de verteduras ao río de Quintás ou a creación dunha zona verde en Monte Mero.

A mellora da dotación de mobiliario urbano, o control de tráfico e de pasos de peóns son outras das propostas da veciñanza que o BNG-AA incorporará ao programa electoral, tal e como afirmou o cabeza de lista, Xosé Manuel Carril.

O BNG-AA incluirá no programa máis de 20 propostas para mellorar Eirís