A Asociación Provincial de Hostaleiros pretende non pagar a taxa polas terrazas

A Asociación Provincial de Hostaleiros pretende non pagar a taxa polas terrazas

A Coruña, 29 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG critica que a Asociación Provincial de Empresarios da Hostelaría pretenda eludir o pagamento das taxas por ocupar espazos públicos ao instalar as terrazas, á vez que o pobo coruñés paga escrupulosamente os seus impostos municipais (IBI, IVTM...) con independencia da súa situación económica. A este respecto, as nacionalistas lembran que o Goberno do Sr. Negreira xa está a ser perigosamente flexíbel á hora de cobrar estas taxas. Sinalan que, durante este ano, as terrazas proliferaron a ollos de todas as coruñesas e coruñeses, mais segundo datos da relación de ingresos para o orzamento de 2014, durante o ano 2013 o Concello da Coruña ingresou en concepto de “taxas por ocupación da vía pública con terraza” un total de 0,00 euros, de 265.000 euros que se tiñan previsto.

Nesta liña, o Grupo Municipal do BNG pregúntase que máis quere esta entidade, pois a comezos de ano o Goberno do Sr. Negreira consensuou e pactou con ela a nova ordenanza de terrazas. As nacionalistas xa denunciaran no seu momento que esta normativa é arbitraria, dado que facilita a instalación de terrazas practicamente en calquera lugar e dado que recolle unha rebaixa notábel das taxas.

O Grupo Municipal do BNG advirte de que para a Asociación Provincial de Empresarios da Hostelaría nada é suficiente. Xa non lles chega con que o Goberno do Partido Popular priorice e focalice o investimento de toda a cidade na zona centro e que, mesmo nesta normativa, permita desenvolver normativas específicas para esta zona fronte aos barrios tratados polo Sr. Negreira coma unha periferia: creando así unha Coruña pobre e unha Coruña rica.

A Asociación Provincial de Hostaleiros pretende non pagar a taxa polas terrazas