A aprobación inicial do PEPRI obriga a suspender a concesión de licenzas

A aprobación inicial do PEPRI obriga a suspender a concesión de licenzas

A Coruña, 22 de xaneiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG lémbralle ao Goberno do Sr.Negreira que o acordo de aprobación inicial do PEPRI obriga necesariamente a suspender o procedemento de outorgamento de licenzas, sen necesidade de ter que esperar á publicación do PEPRI no BOP ou no DOG, por se tratar dunha suspensión automática. Por esta razón, continuar coa tramitación e concesión de licenzas pode deixar sen sentido moitas das previsións do PEPRI aprobado inicialmente, desnaturalizándoo e permitindo actuacións que pode ir en contra da protección de edificios singulares. Este é o caso do edificio do arquitecto Ciorraga en Panadeiras, un inmoble catalogado con protección integral, ao que o Goberno municipal lle outorgou licenza para a ampliación do seu volume construído no baixo cuberta con alteración volumétrica e construción de bufarda.

O Grupo Municipal do BNG lembra que a suspensión cautelar de licenzas se acordou en Xunta de Goberno Local de 2 de decembro de 2011 e publicouse no DOG o 13 de decembro de 2011. Pola outra banda, a aprobación inicial do PEPRI acordouse en Xunta de Goberno Local de 10 de decembro de 2012, que, cinco semanas despois, aínda non foi publicada nin no BOP nin no DOG para a apertura do período de información pública (tampouco figura na web).

Neste contexto, en relación á suspensión cautelar de licenzas, os nacionalistas sinalan que o artigo 77.3 da LOUG di que: "A suspensión á que se refire o número 1 anterior extinguirase, en todo caso, no prazo dun ano. Se dentro deste prazo se producise acordo de aprobación inicial, a suspensión manterase para as áreas nas cales as novas determinacións de planeamento supoñan modificación da ordenación urbanística. A suspensión determinada pola aprobación inicial terá unha duración máxima de dous años a contar de dita aprobación e en calquer caso se extinguirá coa aprobación definitiva do planeamento".

Botando contas, subliña o Grupo Municipal do BNG, resulta que o acordo de aprobación inicial do PEPRI (10 de decembro de 2012) ten lugar dentro do prazo dun ano da suspensión cautelar de licenzas acordada (Xunta de Goberno Local de 2 de decembro de 2011 e publicada no DOG de 13 de decembro de 2011). Deste modo, o BNG conclúe que a suspensión de licenzas aféctalles a aquelas áreas nas que as novas determinacións do PEPRI (contido da modificación aprobada inicialmente) difiren do PEPRI anterior.

As nacionalistas insisten en que non se deberían outorgar licenzas para obras que entran no ámbito de aplicación do acordo de suspensión de licenzas de 2 de decembro de 2011 (publicada no DOG o 13 de decembro de 2011) e que contradín o contido da modificación do PEPRI aprobada inicialmente o 10 de decembro de 2012 (aínda non foi publicada no DOG). Porén, o Goberno municipal segue a tramitar e a aprobar solicitudes de licenzas sen suspensión do procedemento.

A tardía publicación da aprobación inicial do PEPRI no BOP e no DOG non exime o Concello da obriga de non outorgar licenzas

O Goberno do Sr. Negreira entende que o período de suspensión rematou o 13 de decembro de 2012 e entende, ademais, que a suspensión de licenzas con ocasión da aprobación inicial do PEPRI require da súa publicación no BOP e DOG (cousa que aínda non se fixo) para que teña eficacia xurídica. Fronte á visión do PP, o Grupo Municipal do BNG entende que o acordo de aprobación inicial do PEPRI (acordado cando estaba vixente o acordo de suspensión facultativa de licenzas) supón, automaticamente, a suspensión do outorgamento de licenzas, polo que a publicación tardía do acordo no BOP e no DOG non exime o Concello da obriga de non outorgar licenza.

En primeiro lugar, porque o artigo 121.1 do Real Decreto 2159/1978, de 23 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de Planeamento para o desenvolvemento e aplicación da Lei sobre Réxime do Solo e Ordenación Urbana, é moi claro ao respecto, sinalando que «acordada la suspensión de licencias o la aprobación inicial del Plan que lleve consigo ese efecto suspensivo, el órgano municipal competente ordenará la interrupción del procedimiento de otorgamiento y la notificación de aquel acuerdo a quienes tuvieran presentadas solicitudes de licencia con anterioridad a la fecha de su adopción».

E en segundo lugar, porque o Tribunal Supremo en Sentenza de 24 de maio de 1985 (RJ 1985\4773) ten reparado sobre o tema, afirmando neste sentido que el "acuerdo de aprobación inicial que sabemos tuvo lugar el 30 de enero de 1981 desde cuya fecha quedó en suspenso la competencia de la Corporación municipal para resolver acerca del otorgamiento o denegación de la licencia y por tanto vinculada aquélla a ordenar, como así lo hizo, la interrupción del procedimiento iniciado (artículo 121.1 del Reglamento de Planeamiento), sin que a ello pudiera ser obstáculo la demora en la publicación del acuerdo de aprobación inicial en el Boletín Oficial del Estado pues esta irregularidad podrá tenerse en cuenta -lo que no hace al caso- al efectuar el cómputo del plazo para la información pública del Plan pero no para sostener que no se produjeron hasta el 16 de julio de 1982 los efectos de una suspensión que por ministerio de la Ley tienen carácter automático (art. 27.3 de la Ley del Suelo y 120.1 del Reglamento de Planeamiento)...".

Tramitar e conceder licenzas, como está a facer o Goberno do Sr. Negreira, pode deixar sen sentido as previsións do PEPRI aprobado inicialmente, desnaturalizándoo e permitindo actuacións que poden ir en contra da protección de edificios singulares. Un exemplo evidente é a concesión da licenza para construír unha bufarda nun edificio afectado polo PEPRI, cando o PEPRI aprobado inicialmente prohibe as bufardas.

A aprobación inicial do PEPRI obriga a suspender a concesión de licenzas