A aplicación de móbil grazas á que INGESAN se fixo co servizo de axuda a domicilio nunca funcionou

A aplicación de móbil grazas á que INGESAN se fixo co servizo de axuda a domicilio nunca funcionou

cartaA Coruña, 15 de decembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG, que xa criticara numerosas irregularidades na adxudicación do contrato do servizo de axuda a domicilio a INGESAN por 1,5 millóns de euros, denuncia que a aplicación de móbil GESAD MOBILLE que ía ser usada pola empresa nunca funcionou. O grave é que INGESAN obtivo o contrato do servizo da axuda a domicilio grazas, precisamente, a ese sistema que, supostamente, ía permitir saber en cada momento se o persoal estaba ou non no domicilio dunha persoa usuaria.

As nacionalistas, que tiñan denunciado en numerosas ocasións que esta aplicación non estaba funcionando, lembran que INGESAN logrou a puntuación máxima no apartado “Medios materiais” do prego de cláusulas do contrato. Na valoración, destacábase que todo o persoal do servizo disporía “dun teléfono móbil que garantiza a súa localización”. Engadíase que “é destacábel a incorporación da aplicación GESAD MOBILLE, que permite a localización e comunicación directa en todo momento cos auxiliares desde un servizo vía teléfono móbil, permitindo así mesmo o control horario do persoal”.

Dunha aplicación no teléfono móbil a ter que solicitarlle ás persoas usuarias o teléfono do domicilio para chamar

O Grupo Municipal do BNG ironiza con que a tecnoloxía da que se presumía na valoración técnica do contrato era tal que acabou por se converter en pedirlle o teléfono da casa ás persoas usuarias para poder realizar unha chamada ao chegar e outra ao marchar. As nacionalistas veñen de ter coñecemento de que as persoas usuarias deste servizo de axuda a domicilio veñen de recibir nas súas casas unha carta (achégase imaxe) na que se lles di que desde o 1 de xaneiro de 2015 o persoal técnico que presta o servizo terá que empregar o teléfono do seu domicilio cada vez que chegue e cada vez que marche da casa, co fin de controlar o tempo real de prestación do servizo. Iso si, segundo a carta, “esta llamada es totalmente gratuita”.

A aplicación de móbil grazas á que INGESAN se fixo co servizo de axuda a domicilio nunca funcionou